Máis dun cento de feridos e polo menos 17 desaparecidos na explosión duns depósitos de combustible en Cuba
Máis dun cento de feridos e polo menos 17 desaparecidos na explosión duns depósitos de combustible en Cuba
Máis dun cento de feridos e polo menos 17 desaparecidos na explosión duns depósitos de combustible en Cuba
O incendio causouno o impacto dun raio nun dos tanques en Matanzas
As autoridades ordenaron evacuacións en masa das localidades próximas polos gases tóxicos
Os servizos de rescate recuperraon un cadáver do lugar do accidente
As autoridades cubanas informan de que polo menos 121 persoas quedaron feridas e 17 permanecen desaparecidas pola explosión de dous depósitos de combustible en Matanzas, no oeste de Cuba. O lume polo momento segue activo.
Un raio atravesou o venres un dos tanques e as lapas estendéronse a un segundo depósito horas despois. Uns 1.900 habitantes das proximidades xa foron evacuados da zona.
Un responsable da empresa estatal petroleira asegura que se trata do maior incendio rexistrado na illa. A presidencia cubana informou nas redes sociais de que son 121 as persoas feridas, entre os que hai cinco en estado crítico, outros tres moi graves e 18 con lesións máis leves.
Os desaparecidos serían 17. Son "bombeiros que estaban na zona máis próxima" ao incendio e a presidencia engadiu que Cuba xa solicitou axuda e asesoramento a países amigos con experiencia no tema petroleiro. O presidente Díaz-Canel agradeceulle a rapidez a México, Venezuela, Rusia, Nicaragua, a Arxentina e Chile no apoio para conter o fogo.
México enviou un importante destacamento de persoal de PEMEX, da Mariña, do Exército e da Forza Aérea expertos en controlar incendios.
Os servizos de rescate recuperaron un cadáver do lugar do sinistro. O incendio rexistrouse polo impacto dun raio sobre un depósito de 55.000 litros de petróleo.
Na zona actúan medios aéreos e empregan barreiras físicas á espera da chegada de produtos químicos desde países amigos.
As autoridades tamén informan de que traballan na coordinación cos Estados Unidos para materializar a oferta de axuda do seu goberno. As aeronaves verten auga de mar e area sobre a zona incendiada para evitar que as lapas se propaguen a outros depósitos de combustible.
Entre os feridos está o ministro de Enerxía e Minas, Liván Nicolás Arronte, que indicou na súa conta de Twitter que está ben. O incendio polo momento segue activo.