Publicador de contidos
Publicador de contidos

Malestar en Ribadumia porque a ITV dos tractores coincida coa vendima

Malestar en Ribadumia porque a ITV dos tractores coincida coa vendima

O Concello intentou cambiar sen éxito a data coa empresa encargada da revisión dos vehículos

G24.gal 22/08/2023 16:22

Baixo os emparrados de Ribadumia a uva xa está case lista para vendimar. As condicións climáticas dos últimos anos están a adiantar cada vez máis a vendima, que segundo as probas de maduración contan iniciar nesta zona na primeira semana de setembro. Xusto a mesma data, entre o 31 de agosto e o 12 e setembro, na que a ITV móbil de vehículos agrícolas estará no concello para facer a revisión dos tractores.

"Todos os viticultores queremos traballar coa maior seguridade posible nos tractores e nos remolques e que esa inspección técnica de vehículos se veña a facer entre o 31 de agosto e o 12 de setembro. Para nós esas datas son moi malas porque os viticultores teñen que estar centrados na propia vendima e non na inspección dos vehículos", di o viticultor David Castro. 

Aínda que desde o concello e as asociacións de viticultores buscaron coa empresa cambiar a data, non recibiron resposta, polo que xa publicaron o correspondente bando municipal coa citación establecida. Os máis de 400 viticultores que hai neste concello, non entenden a situación.

"Home, é que coincide plenamente coa vendima e non vou deixar as uvas colgadas para ir facer a ITV, non é lóxico. Eu teño que pasarlla a dous tractores de tres que teño, e pola estrada hai que andar porque teño viñas en moitos sitios", di o colleiteiro Carlos Castro. 

"A min, poñéndoa nestes momentos, paréceme unha tomadura de pelo cara á xente que ten que preocuparse pola vendima, entón non vexo lóxico que se poña a ITV nestes momentos coincidindo coa vendima" di o viticultor Jesús Pinto.

A ITV móbil de vehículos agrícolas vai todos os anos a Ribadumia, pero nunca o fixera en datas de vendima.

"Cremos que a seguridade dos vehículos é fundamental pero tamén entendemos que se pode facer antes das vendimas ou despois das vendimas, o que non pode coincidir é nas vendimas, cando practicamente non hai tempo para que os viticultores podan levar a cabo as distintas tarefas que teñen ao longo do día e sobre todo porque se teñen que centrar na vendima como foi toda a vida", engade David Castro.

Desde o concello din que seguirán falando coa empresa da ITV para corrixir o problema e evitar que se volva repetir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade