Publicador de contidos
Publicador de contidos

Malestar no barrio compostelán de San Pedro tras once días sen servizo telefónico

Malestar no barrio compostelán de San Pedro tras once días sen servizo telefónico

Os clientes quéixanse de que a operadora non soluciona un problema que prexudica particulares e comerciantes

Imaxe da rúa de San Pedro, en Santiago, este xoves, en que contan once días sen servizo de Movistar
G24.gal 28/09/2023 13:45

A falta de servizo de telefonía fixa e o deficiente servizo de datos están a marcar a vida de residentes e comerciantes desta rúa compostelá conectados a Movistar. Se a iso engadimos que a cobertura de móbil no barrio de San Pedro e por si mesma complicada, é comprensible o malestar dos clientes do grupo Telefónica, cando vai para dúas semanas de anomalía no servizo. Luci e demais prexudicadas, como Susana, amosan moito descontento co trato da operadora:

"Din que é unha avaría externa. Algo evidente, se afecta toda a rúa. E engaden que intentan solucionalo o antes posible", sinala Susana, mentres Luci conta que leva "todos os días chamando ao 1002 e 1004, dinme que vai vir un técnico. Á hora que me indican estou na casa e non aparece ninguén".

Mesmo teñen aberta unha recollida de sinaturas de persoas prexudicadas, como lembra Ana, a farmacéutica. Kuma ten un restaurante e suma perdas polo fallo de telefónica.

"Perdín mil euros. É no meu negocio tiven que conectar o TPV co meu móbil, porque non hai Internet. Non hai teléfono", di Kuma.

"Cada día vén máis xente dicindo que non ten servizo de teléfono e claro, quen está en teletraballo, ou ten que estudar ou a xente maior... precisan o servizo. Eu tamén estou sen teléfono fixo, co que teño que saír á rúa para facer os pedidos co móbil", explica Ana Celia.

Encarna conta que mercou un datáfono conectable ao móbil para poder cobrar con tarxeta, pero que ante a mala cobertura que ten na tenda ten que saír á rúa para facer a operación. Quéixase de que por máis que reclama a Movistar, só obtén boas palabras, mentres os días pasan e seguen sen servizo de datos e de telefonía fixa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade