Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chega ás Malvinas o avión para repatriar os tripulantes do Argos Georgia

Chega ás Malvinas o avión para repatriar os tripulantes do Argos Georgia

En marcha o operativo para repatriar as vítimas españolas do naufraxio

Unha tregua meteorolóxica permitiu retomar a busca dos desaparecidos

G24.gal 26/07/2024 20:23 Última actualización 27/07/2024 02:47

O avión militar fretado polo Ministerio de Defensa para repatriar ós tripulantes españois do palangreiro Argos Georgia aterrou pasada a media noite nas illas Malvinas, tras máis de catorce horas de voo. 

O plan é que a aeronave poida regresar con eles este domingo, sempre e cando remate a declaración dos mariñeiros ante as autoridades británicas que se encargan de investigar as causas do naufraxio no que morreron 13 persoas, entre eles catro galegos.

Os sobreviventes están aloxados nun hotel de Port Stanley, onde recibiron o apoio dunha asociación benéfica que lles proporcionou roupa e outros artigos vitais doados pola comunidade local. Previamente foron atendidos no hospital da localidade. Ningún ten lesións de consideración aínda que si están moi afectados animicamente.

Os cadáveres dos dous mariñeiros galegos que foron recuperados do mar -naturais de Vigo e Baiona- poderían viaxar nese mesmo avión, pero só se antes se completa a autopsia que teñen que realizar as autoridades británicas.

Mentres, as familias dos dous galegos desaparecidos terán que seguir agardando. As autoridades das Malvinas retomaron os labores de busca, grazas a unha melloría do tempo. Un avión británico recolleu datos para que poidan ser utilizados polo barco de Salvamento que vai de camiño. O Goberno do arquipélago conta que poida estar rastrexando a zona este sábado. E informa de que esperan a chegada dun segundo buque para sumarse aos traballos.

"Nós temos os nosos, pero estamos moi tristes pola xente que hai que buscar. Que sigan buscando, que non o deixen de lado porque poden aparecer a salvo", pedía desde Ribeira un familiar do capitán e sobrevivente do naufraxio.

Os sobreviventes xa están nun hotel á espera de realizar os trámites para poder ser repatriados.

"Están comezando a darse de conta das cousas, da perda de compañeiros, pero o peor son as familias dos desaparecidos e dos mortos", explica un voceiro das familias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade