Manifestación multitudinaria pola independencia do Sáhara Occidental en Madrid
Manifestación multitudinaria pola independencia do Sáhara Occidental en Madrid
A líder de Sumar acode á mobilización, onde reitera o seu apoio ao pobo saharauí malia as discrepancias co PSOE
Foi unha manifestación multitudinaria en Madrid promovida pola Coordinadora de Asociacións Solidarias co Sáhara Occidental e a Comunidade Saharauí en España.
Baixo o lema "O Dereito Internacional o camiño; a independencia o destino", máis de medio milleiro de persoas percorreron varias rúas do centro da capital.
A esta mobilización acudía a líder de Sumar, quen remarcaba o seu apoio ao pobo saharauí e reiteraba as súas discrepancias co PSOE nesta materia.
"Temos unha discrepancia, como coñecen, co Partido Socialista, non só nesta, tamén en moitas materias no ámbito internacional. Seguimos defendendo o pobo saharauí, esiximos o respecto do Dereito Internacional. Non hai relativismo nos dereitos humanos", dixo Yolanda Díaz.
Tamén participaba na manifestación a portavoz de Podemos. Isa Serra volveu defender "o dereito do pobo saharauí á autodeterminación", e reiterou o desacordo co que cualificou de "o xiro de Sánchez" sobre o Sáhara Occidental.
"Non estamos de acordo co ese xiro por parte de Sánchez ante a situación no Sáhara Occidental e non estamos de acordo desde Podemos a ceder ante as chantaxes do Goberno marroquí", resaltou Isa Serra.
Os manifestantes defenderon a soberanía do pobo saharauí e o poder de decidir sobre o seu presente e o seu futuro. Destacaron que España ten unha responsabilidade histórica no proceso de descolonización.