Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas saen á rúa para defender a sanidade pública

Milleiros de persoas saen á rúa para defender a sanidade pública

Convocadas por SOS Sanidade Pública, piden un incremento do orzamento galego destinado á saúde

A protesta partiu este mediodía da Alameda compostelá para rematar na praza do Obradoiro 

García Comesaña toma nota das demandas e asegura que a sanidade galega conta con máis orzamento ca nunca

Imaxe da praza do Obradoiro
G24.gal 04/02/2024 10:55 Última actualización 04/02/2024 14:47

Milleiros de persoas secundaron este domingo a convocatoria lanzada pola plataforma SOS Sanidade Pública baixo o lema "Pola sanidade que queremos e merecemos". Reclamaron melloras nun sistema "saturado" e con falta de especialistas.

A mobilización convocouse antes de coñecerse a celebración de eleccións autonómicas, pero serviu para alzarse como unha demostración de unidade entre as formacións da esquerda.

A candidata á Xunta do BNG, Ana Pontón; o do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro; a de Sumar, Marta Lois, e a de Podemos, Isabel Faraldo, participaron na marcha como mostra de rexeitamento ás políticas sanitarias do Goberno do PPdeG.

O portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en declaracións aos medios ao inicio da manifestación na alameda compostelá, dixo que é a demostración de que a cidadanía galega "non vai baixar os brazos" na loita para garantir o acceso sanitario a todo o mundo.

Rexeitou que se trate dunha convocatoria política, pero insistiu en que "se as políticas sanitarias non cambian", o 18 de febreiro "haberá que cambiar os que fan esas políticas".

Incremento do orzamento

A plataforma resume as súas demandas nun manifesto que ten como prioridade reclamar un incremento do orzamento destinado á sanidade, especialmente en Atención Primaria, e a eliminación da "derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados".

Tamén piden un incremento urxente de persoal, a reapertura dos centros de saúde que se pecharon, a creación de novos puntos de atención onde sexan necesarios e a implementación dun plan urxente para racionalizar as listas de agarda.

Solicitan ademais que a prestación do servizo de ambulancias volva ser totalmente público e a elaboración dun plan consensuado para atender a saúde mental.

Participantes na mobilización. EFE/Xoan Rey Participantes na mobilización. EFE/Xoan Rey

Toma nota

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegura tomar nota das demandas da convocatoria. 

Aos partidos que apoiaron a marcha dilles que a sanidade galega conta con máis orzamento ca nunca. 

Ademais, censura que voten non ás iniciativas para reclamarlle ao Ministerio a contratación de máis médicos; ao seu entender, a principal doenza do sistema sanitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade