Baltar, presidente do PP de Ourense: "Feijóo é a resposta a todas as preguntas e a solución a calquera contratempo"
Baltar, presidente do PP de Ourense: "Feijóo é a resposta a todas as preguntas e a solución a calquera contratempo"
Baltar, presidente do PP de Ourense: "Feijóo é a resposta a todas as preguntas e a solución a calquera contratempo"
O presidente da Deputación ourensá considera que Alberto Núñez Feijoo é o candidato idóneo para liderar o Partido Popular
O presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar considera que Alberto Núñez Feijóo é o candidato máis adecuado para liderar o Partido Popular en España. Nunha entrevista no Galicia por diante, o tamén presidente do PP ourensán puxo en valor o traballo "rigoroso" desenvolvido por Feijóo nestes dezaseis anos á fronte da Xunta.
"Feijóo é a resposta a todas as preguntas e a solución a calquera contratempo. Converterase no líder do partido máis importante de España e vai ser o presidente do Goberno da nación".
Manuel Baltar ve no presidente galego o candidato indicado para coser o partido. Segundo asegurou, "concitou a unanimidade de todos e eu confío nesta etapa e na recuperación de ex-votantes do PP que están agora noutras opcións".
A sucesión de Feijóo en Galicia
Manuel Baltar cre que a sucesión de Feijóo en Galicia á fronte da Xunta e da presidencia do Partido Popular se resolverá de xeito "satisfactorio". Asegura que na actualidade existen perfís adecuados tanto dentro como fóra do grupo parlamentario para suceder a Alberto Núñez Feijóo.
"Dentro do Partido Popular hai perfís perfectos para desenvolver a presidencia do Goberno autonómico e fóra do Parlamento hai perfís máis que interesantes para liderar este proxecto político".
O presidente do PP de Ourense está convencido de que o Partido Popular dará unha lección de "transición elegante" e que a cuestión da sucesión se resolverá de xeito "perfecto" igual que ocorreu hai anos, cando se produciu o relevo de Manuel Fraga.
Asegura Baltar que o máis importante dunha formación política é a unidade e confía en que na nova etapa o Partido Popular siga apostando polo centrismo, o reformismo, o galeguismo e o municipalismo, cuestións que, segundo Baltar, deberán seguir formando parte do ADN desta formación política.
Dez anos despois da súa chegada á presidencia da Deputación de Ourense, Baltar amósase satisfeito pola xestión que leva realizando á fronte do organismo provincial. Asegura que "con acertos e con erros a xestión está avalada polo cumprimento dos plans de mandato" que a Deputación comunica ós seus votantes antes dos comicios municipais.
Manuel Baltar salienta que o organismo que dirixe ten débeda cero e é a primeira administración pública de España en aprobar os seus presupostos. Os do ano que vén serán aprobados, previsiblemente, o vindeiro 30 de setembro.