Manuel Pérez toma posesión como presidente do Consello Económico e Social de Galicia
Manuel Pérez toma posesión como presidente do Consello Económico e Social de Galicia
Alfonso Rueda dálle a benvida durante a toma de posesión: "Cando a un lle vai o mambo e cre que pode achegar, acepta o reto"
Manuel Pérez tomou posesión este martes como novo presidente do Consello Economico e Social de Galicia (CES), en substitución a Agustín Hernández.
No acto, o exalcalde de Vigo e exconselleiro de Traballo no Goberno de Manuel Fraga, prometeu "forza" e "traballo".
Foi ante a presencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; a valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño; e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entre outros membros do CES e cargos públicos.
Rueda deulle a benvida e agradeceu que Manuel Pérez dixese si ao seu ofrecemento de situarse á fronte dun órgano que ten nas súas funcións a de emitir informes preceptivos sobre os proxectos lexislativos.
"Agora probablemente tocaríalle descansar, pero cando un ten tendencia polo servizo público e, como di el, vaille o mambo ou querer estar a facer sempre cousas, cando cre que pode achegar, coller e acepta o reto", destacou Rueda.
"E desde logo, Galicia vaicho agradecer", concluíu o presidente da Xunta quen tamén tivo palabras de agradecemento para quen abandona o cargo, Agustín Hernández: "Teño que dicir que sempre foi unha persoa que cumpriu, sabe traballar en equipo, soubo asumir retos novos cando non eran nada sinxelo; creo que todo o fixo sempre ben, como xenio e figura, como é Agustín (Hernández), pero, polo tanto, teño que agradecer todo o traballo, incluído o da última etapa".