O Consello Económico e Social alerta da falta de muda xeracional no sector pesqueiro
O Consello Económico e Social alerta da falta de muda xeracional no sector pesqueiro
Un informe publicado esta semana tamén pon o foco no envellecemento da frota e no descenso do consumo de peixe
Propón mellorar os plans de formación e que a pesca, a acuicultura e a industria transformadora afronten os retos de xeito conxunto
Na actualidade hai barcos parados porque falta persoal cualificado. Esa é unha realidade á que se enfronta o sector pesqueiro. A acuicultura, a pesca e a industria transformadora teñen por diante unha serie de retos aos que facer fronte.
Un dos máis importantes é precisamente a falta de muda xeracional. Así o pon de manifesto o informe encargado polo Consello Económico e Social sobre o sector.
"Desde hai meses estoulle pedindo á Administración central un plan nacional de formación, as competencias en educación están transferidas ás comunidades autónomas e vemos que nesas titulacións que tanto nos fan falta ao mundo do mar imos a diferentes velocidades, iso non debe de ser así. Precisamos un plan nacional, fanos falta titulados", asegura Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías e responsable da comisión do informe do Consello Económico e Social sobre a pesca.
Pero os retos non quedan aí, entre eles tamén está o de acadar a igualdade de xénero no sector.
"Nós como Federación Nacional temos un grupo ad hoc de mulleres para visualizar o traballo que levamos feito. Aquí en Galicia levamos xa moito camiño percorrido con respecto ao resto de España. Outro reto importante é aumentar o consumo de peixe, que descendeu nos últimos anos e outro reto é a valorización dese peixe que temos, que o consumidor saiba que custa porque ten un gasto e un sacrificio detrás", engadiu.
Nas conclusións do informe poñen en valor que acuicultura, pesca e industria transformadora se unan para acadar un futuro próspero.