Manuel Suárez (ACERGA): "O Prestige cambiou a sensibilización da xente do mar"
Manuel Suárez (ACERGA): "O Prestige cambiou a sensibilización da xente do mar"
O xerente da Asociación de Armadores de Cerco asegura que ninguén está máis preocupado por coidar o seu medio de vida
O xerente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA) asegura que o Prestige sensibilizou moito o sector sobre a importancia de coidar o seu medio de vida.
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, Manuel Suárez considera crucial saber transmitir a idea de que as persoas que viven do mar son as máis preocupadas por conservalo.
"Ninguén está máis preocupado por coidar a súa contorna. Se falla o mar, falla a forma de vida, que non é momentánea, vén deles e de xeracións anteriores. Cambiou a sensibilización por coidar as cousas. Nós demostrámolo cos selos de calidade nas nosas pescas. Temos a MSC (certificación de pesca sostible) do bocarte e traballamos por conseguir a da sardiña, que vivimos dela dende tempos inmemoriais".
Amósase convencido de que Galicia "está no corazón do mundo" no sector do mar por iso a clientela, tras o accidente, non chegou a perder a confianza no seu produto.
"O importante é seguir valorando o noso produto, fronte a outros mercados externos que non teñen nin as nosas condicións sanitarias nin a calidade".
Dos días posteriores á catástrofe, lembra "moita tristura e moito nervio polo futuro". Tamén unha marea de solidariedade e a entrega da xente do mar na limpeza da costa. Agarda que o sucedido sirva para "aprender dos nosos erros" e para evitar que ocorra algo parecido.
"Penso que a xente xa non tería a paciencia que tivo nos erros pasados. O que si está claro é que a xente do mar seguirá facendo fila e exército para limpar o seu ben máis prezado, que é o mar. Volverá pasar sempre que suceda".
Agora, a asociación traballa para tentar que a cidadanía volva mirar para o mar. Pretende difundir a importancia do cerco como medio de vida sostible a través do seu arquivo fotográfico, agora a disposición do Museo do Mar de Vigo.
"En todos as localidades da nosa costa, nalgún momento da súa historia, tivo que haber algo de cerco. É necesario volver mirar para eles, xa que é un sector fundamental da produción das nosas costas e da economía local. Queremos que se volva mirar de novo cara ao mar, para os nosos produtos. Son produtos de quilómetro cero de gran valor enerxético e nutritivo".
Trátase dunha galería de máis de 200 imaxes, dende os anos 30 ata a actualidade. Parte destes documentos conforman a exposición "O cerco en Galicia", que se pode visitar ata finais de decembro no Museo do Mar de Vigo.
Segundo Manuel Suárez, a mostra vai dirixida, sobre todo, á poboación infantil porque é "o futuro" do sector.