Publicador de contidos
Publicador de contidos

Marcará a FED a política monetaria do BCE?, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Marcará a FED a política monetaria do BCE?, por Venancio Salcines

G24.gal 06/05/2024 08:04

A FED, é dicir a Reserva Federal Estadounidense, equivalente ao noso Banco Central Europeo, BCE, mantén os tipos e advirte que non dá avanzado na loita contra a inflación. Por tanto, arrédanse as expectativas de cambio da súa política monetaria, o que nos leva a un interrogante: esta decisión anticipa comportamentos do BCE? En absoluto.

Mentres que o mandato da Reserva Federal é o crecemento dos Estados Unidos e a loita contra a inflación é un medio para un fin, en Europa a loita contra as subas dos prezos é un fin por si mesmo. Dito isto, as economías dos EUA e de Europa en absoluto son xemelgas. Teñen dinámicas diferentes, a primeira é o ritmo demográfico. Os EUA teñen unha poboación lixeiramente inferior á da Unión Europea, pero son capaces de medrar o dobre que o vello continente. Se nos fixamos no ano 2007, veremos que mentres nós medramos en 14 millóns, Estados Unidos faino en trinta e dous millóns.

É dicir, a economía norteamericana ten forza demográfica e, por tanto, unha tendencia natural a ter unha demanda natural importante, o que tensa os prezos. Cousa que non ocorre en Europa, que medran polas tensións enerxéticas froito da ruptura da dependencia de Europa Central con Rusia. Mentres que a Washington lle custa arrefriar a súa economía, a Bruxelas pásalle o contrario, non dá quentado os dous grandes: Alemaña e Francia.

Por tanto, é previsible, dado o actual marco macroeconómico, que vexamos dinámicas diferentes. Os xuros baixarán en Europa antes que nos Estados Unidos. E isto, que vai a supoñer? Esencialmente unha cousa: o dólar vai apreciarse fronte ao euro. O que suporá efectos contrarios; por un lado, veremos incrementar o prezo do petróleo, por outro, as nosas exportacións pasarán a ser máis competitivas, algo que para Alemaña, con dificultades para coller forzas, será moi ben recibido. Mentres que a inflación xeral mostra comportamentos erráticos, a causa da factura enerxética, a subxacente está perfectamente guiada. O que me leva a afirmar que a decisión da Reserva Federal, neste intre, non terá unha grande influencia na política do Banco Central Europeo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade