María del Monte declara polo roubo na súa casa despois da detención do seu sobriño
María del Monte e a súa parella, Inmaculada Casal, declaran en calidade de prexudicadas
María del Monte e a súa parella, Inmaculada Casal, declaran no xulgado polo asalto violento que sufriron na súa casa o pasado 25 de agosto. Fixérono en calidade de prexudicadas ante o xuíz que investiga a banda que, presuntamente, entrou na súa vivenda. Entre os detidos está o sobriño da cantante, Antonio Tejado.
"Confiamos na xustiza e presunción de inocencia, porque isto non é máis que unha investigación que se está realizando para descubrir que é o que ocorreu esa noite", dixo a cantante á entrada do xulgado de Sevilla.
María del Monte reviviu ante o xuíz o que pasou esa noite. "Estamos tranquilas porque non vimos a nada máis que a contar o que nos pasou. Que foi algo moi moi grave. Intentas ir esquecendo todos os episodios desagradables e agora mesmo revivir todo isto para nós é moi duro", engadiu María del Monte.
Canda Inmaculada Casal tamén declararon ante o xuíz a súa filla e o xenro. Todos estaban na casa a noite en que varios encapuchados entraron na vivenda, e despois de amordazalos e ameazalos fixéronse con cartos e xoias por máis de 600.000 euros.
A investigación apunta a Antonio Tejado como presunto autor intelectual do roubo. Está en prisión preventiva desde que foi detido hai unha semana xunto outras cinco persoas acusadas de pertenza a banda criminal e roubos con violencia en vivendas, unha delas, a da cantante.