Lorenzana: "En xuño comezaremos a incorporar a intelixencia artificial nas oficinas de emprego"
Lorenzana: "En xuño comezaremos a incorporar a intelixencia artificial nas oficinas de emprego"
A conselleira de Emprego e Igualdade explica que a nova ferramenta cruzará datos en tempo real de oferta e demanda
Lorenzana ve marxe para que as empresas suban os salarios
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou que a partir de xuño comezarán a empregar a intelixencia artificial e o 'big data' para axudar os desempregados a atopar un emprego.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, Lorenzana explicou que a nova aplicación permitirá cruzar datos de ofertas e demanda en tempo real. Estrearase, segundo dixo, en tres oficinas dos servizos públicos de emprego para logo ila incorporando ao resto.
"Permitirá casar a oferta e a demanda. Contará cuns buscadores moi específicos para as competencias, ocupacións e a formación que ten cada persoa", apuntou a conselleira.
A intelixencia artificial será unha das ferramentas que se usará e incorporará no novo programa de emprego aprobado este xoves no consello da Xunta. Un plan que fará un seguimento máis personalizado a desempregados con dificultades para atopar un traballo.
Sobre o plan, Lorenzana explicou que se van incorporar 136 orientadores laborais, en 34 oficinas, que se dedicarán a acompañar e facer seguimento intensivo a colectivos sensibles durante seis meses para integralos no mercado laboral.
A conselleira apuntou que "coa cantidade de perfís e vacantes que hai en tódolos sectores, uns 15 mil postos de traballo sen cubrir, temos a responsabilidade de traballar aínda máis con eses 139 mil desempregados".
Cuestionada sobre a demanda dos sindicatos de que se suban salarios e se peche canto antes a ANEC, Lorenzana ve marxe para incrementos dos soldos e argumenta que "as empresas deben pagar ben se queren reter talento e ter unha boa produtividade".
Con todo, apuntou que as empresas deberían ter beneficios e incentivos para estar "menos asfixiadas e dar ese plus aos soldos" e pediu que se escoite os empresarios porque "calquera suba debe facerse dentro do diálogo social e, a nivel nacional, parece que o diálogo social só o forma unha parte dos axentes sociais", en alusión aos sindicatos.
Ademais dunha mellora dos soldos, Lorenzana avoga por ofrecer aos traballadores unha mellora das condicións laborais e unha flexibilidade horaria. Ve positivas medidas coma a xornada de catro horas e o teletraballo, aínda que recoñece que hai sectores e empregos que non poden aplicalas polas súas características.
No día despois de se publicaren os datos do paro, Lorenzana destaca que "os datos e o comportamento do emprego en Galicia son mellores que na media do Estado". Con todo, apuntou: "Eu sempre poño o foco máis na calidade ca na cantidade".
Nestes últimos meses, das contratacións indefinidas, o 25 por cento son contratos fixos descontinuos. Continuamos cunha porcentaxe relevante de emprego que non é de calidade. As persoas que están suxeitas a un contrato fixo descontinuo non traballan todo o ano e é aí onde creo que temos que traballar".