Marlaska defende as expulsións de menores de Ceuta que o Supremo declarou ilegais
Marlaska defende as expulsións de menores de Ceuta que o Supremo declarou ilegais
O ministro do Interior asegura que as autoridades actuaron convencidas de que se axustaban ao ordenamento xurídico
Sumar pide explicacións de Fernando Grande-Marlaska e que se repare o ocorrido
O PP reclama o cesamento do ministro
O Tribunal Supremo confirma que as devolucións de menores de Ceuta a Marrocos en agosto de 2021, en quente e colectivas, foron ilegais, contrarias á Lei de Estranxeiría española e mesmo ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos. A sentenza di que se vulneraron os seus dereitos e que foron postos en risco.
A pesar da resolución, o ministro do Interior segue defendendo estas expulsións. Fernando Grande-Marlaska amosouse este martes "absolutamente convencido que as autoridades competentes, neste caso como noutros, actuaron con convencemento pleno de que se axustaron ao ordenamento xurídico e inspirados, en todo o momento, polo interese do menor".
A voceira do Goberno insiste nos mesmos argumentos que Grande-Marlaska. Pilar Alegría non ten "ningunha dúbida" de que a delegación do Goberno e a Cidade Autónoma de Ceuta "actuaron de boa fe", ao tempo que expresou o respecto do executivo á sentenza do TS.
O socio minoritario da coalición, Sumar, demanda explicacións e reparación. Segundo o seu deputado Gerardo Pisarello, "o ministro ten que dar explicacións e, sobre todo, hai que reparar o ocorrido para que non volva pasar". Considera Pisarello que "estamos ante unha catástrofe moral, ademais dunha ilegalidade".
O Partido Popular pide o cesamento do ministro do Interior. En Comisión parlamentaria, a deputada Ana Vázquez acusou a Fernando Grande-Marlaska de ser "o xuíz máis condenado de España e o ministro máis condenado de España".
Mentres o ministro do Interior comparecía no Congreso, fóra da cámara concentrábase a plataforma que agrupa sindicatos policiais e asociacións de gardas civís pedindo melloras na xubilación dos axentes.