Marta Lois di que Sumar vixiará que Alcoa cumpra cos seus compromisos
Marta Lois di que Sumar vixiará que Alcoa cumpra cos seus compromisos
Considera que A Mariña necesita "un plan industrial que vaia máis aló de Alcoa" e que aposte polas enerxías renovables
A candidata de Sumar á presidencia da Xunta, Marta Lois, asegurou que a súa formación "velará e esixirá" que se cumpran "os compromisos de Alcoa" co persoal da factoría na Mariña.
En declaracións aos medios en Viveiro, dixo que "tamén desde o Goberno progresista" agarda "manter ese control e vixilancia".
Con todo, amosouse convencida de que A Mariña necesita "un plan industrial que vaia máis aló de Alcoa" e que aposte polas enerxías renovables, para que a comarca "siga estando presente e permita ter futuro para a mocidade".
Encontro coa veciñanza
Marta Lois aproveitou a xornada para manter un encontro coa veciñanza dunha comarca que, lamentou, ten "moitos problemas que veñen de moito tempo atrás", que teñen que ver "coas infraestruturas ou cunha sanidade desmantelada".
"Faltan pediatras, está colapsada a Atención Primaria, o PAC de Burela está sen equipamento nin persoal, hai un clamor de necesidade de facer un xiro de 180 graos e en Sumar Galicia levamos unha aposta clara por investir en sanidade", manifestou, antes de comprometerse a apostar polos hospitais comarcais.
Amosouse convencida de que se "votan voto progresista como fixeron o 23 de xullo, haberá "cambio histórico" en Galicia, co que se garantirá tamén "un plan de rescate da Atención Primaria", que inclúe máximos de 48 horas para unha cita ou un máximo de 24 para unha urxencia.
"Canto máis forte estea Sumar, máis sairá o PP da Xunta e empezará un tempo novo", valorou.