Martínez Allegue: "Temos o forte compromiso de duplicar o parque público de vivenda"
Martínez Allegue: "Temos o forte compromiso de duplicar o parque público de vivenda"
A conselleira de Vivenda debullou as axudas da Xunta para a adquisición de vivenda dirixidas aos menores de 36 anos e aos concellos de menos de dez mil habitantes
María Martínez Allegue cualifica de "excelente" a relación cos concellos, pero bota en falla esa "cooperación, colaboración e escoita" por parte do Goberno central
A Xunta pretende duplicar o parque público de vivenda e pasar das catro mil vivendas de protección ás oito mil. Avanzouno nunha entrevista no 'Bos días' a conselleira de Vivenda.
María Martínez Allegue afirma que na Xunta "somos conscientes de que vivenda é unha das principais preocupacións" para os galegos e por iso "temos o forte compromiso de duplicar o parque público de vivenda triplicando os orzamentos con respecto ao ano pasado".
Axudas para os menores de 36 anos e para dinamizar as zonas históricas das cidades
A titular de Vivenda do Goberno galego debullou na Televisión de Galicia as axudas postas en marcha pola Xunta para a adquisición e alugueiro de vivendas. Están dirixidas sobre todo os menores de 36 anos e para os que vivan en concellos de menos 10.000 habitantes ou nas zonas históricas das cidades.
Para os máis novos que adquiran vivenda protexida as contías increméntanse, "poden chegar aos 20.000 euros". A Xunta investiu ademais oito millóns de euros para a construción de 25 vivendas de protección nos cascos históricos de Tui e Ourense e "temos en marcha un programa de rehabilitación de 165 vivendas de promoción pública -nestes dous territorios- dirixidas ao alugueiro".
"Ten que haber transparencia, colaboración e escoita entre o Goberno e as comunidades autónomas"
María Martínez Allegue cualificou de "excelente" a relación cos concellos en materia de vivenda, pero criticou a "falta de colaboración" por parte do Goberno central.
"Así como temos colaboración total coas administracións locais para incrementar a capacidade de solo, por parte do Estado non temos esa cooperación, colaboración e escoita que é necesaria, porque nós somos os competentes para aplicar esas políticas de vivenda".
A conselleira agarda un cambio de actitude de cara á entrada en vigor, en 2026, do plan estatal de vivenda.
Ademais de impulsar a creación de solo público de vivenda, a Xunta aprobou medidas para facilitar a conversión de baixos comerciais en vivendas ou para "rematar os esqueletos e edificios inacabados como consecuencia da crise inmobiliaria".
O Goberno galego ofrece tamén aos propietarios de vivendas baleiras un desconto de 500 euros na cota autonómica do IRPF en caso de que saquen estes inmobles ao mercado do alugueiro.
O obxectivo é duplicar o parque de vivenda protexida e diminuír a burocracia para aqueles que decidan dar o paso e adquirir, rehabilitar ou alugar unha vivenda.