O arqueólogo Martinón: "Non somos mellores ca os que nos anteceden"
O arqueólogo Martinón: "Non somos mellores ca os que nos anteceden"
O galego, catedrático na Universidade de Cambridge, considera que se algo ensina a arqueoloxía é humildade
O galego Marcos Martinón é catedrático de Arqueoloxía en Cambridge dende hai catro anos. Chegou ao Reino Unidos hai 22 e, agora, traballa no estudo de antigas sociedades sen xerarquía.
Nunha entrevista no informativo Bos Días, da TVG, asegura que algunhas comunidades, en diversas rexións do mundo, sobreviviron durante séculos con xeitos de organización complexa pero sen coerción, sen poder autoritario.
"Son menos coñecidas porque non tiñan reinos, nin imperios (...). Tiñan normas, por suposto, pero normas que se poden negociar, acceder a elas polo ben común", explica.
Segundo as súas investigacións, sabían organizarse para ter "os seus mundos materiais e simbólicos" ricos e complexos, pero non tiñan un poder "permanente, autoritario e incuestionable".
Despois de dúas décadas traballando neste eido, amósase convencido de que non somos mellores ca os que nos anteceden. "Se algo nos ensina a arqueoloxía é humildade", sentencia.
"Topas outras formas de ser e de vivir que non son mellores, nin peores, son diferentes. Tendemos a pensar que somos a culminación da civilización", subliña.
Respecto a súa condición de inmigrante no Reino Unido, considera que o brexit "puxo un nubeiro na nosa percepción" e o país non vive o seu mellor momento.
Malia que a súa experiencia foi boa, doada e positiva, ponse na pel das persoas que chegaron buscando unha vida mellor e non o conseguiron.