Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mata un veciño a coiteladas e fere a muller deste en Samos por unha lea cos marcos

Mata un veciño a coiteladas e fere a muller deste en Samos por unha lea cos marcos

O detido, de 48 anos, pasará a disposición do xulgado de Sarria o  domingo

A ferida está ingresada na Unidade de Coidados Intensivos

G24.gal 04/08/2023 12:00 Última actualización 04/08/2023 21:15

 Un home de 49 anos de idade foi detido este venres por axentes da Garda Civil no municipio de Samos por acoitelar supostamente ata a morte un veciño, un home de 82 anos de idade, Manuel L.V, e a súa muller, Consuelo, de 73, que resultou ferida de gravidade.

Segundo a Comandancia de Lugo, ambas vítimas foron localizadas ao redor das 8 da mañá.

O cadáver do home apareceu no cortello e a muller, ferida de gravidade, entre a corte e a casa familiar, en Lamas, na parroquia de San Mamede do Couto.

Fontes da investigación indicaron que o detido tiña desde facía tempo desavinzas cos seus veciños a causa dunhas leiras.

De feito, fontes da súa contorna indicaron que o home detido era un veciño “problemático” e “tiña ameazadas” ás vítimas.

O sospeitoso foi detido como investigado polos supostos delitos de homicidio e homicidio en grao de tentativa.

O presunto asasino volveu ao lugar dos feitos, xa detido, para reconstruir o crime.

Da investigación fíxose cargo a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil en Lugo, mentres que as dilixencias de investigación por esta causa quedarán en mans do Xulgado de Instrución de Sarria.

A muller presentaba unha ferida de arma branca no pescozo, polo que os profesionais sanitarios que chegaron primeiro ao lugar dos feitos centráronse en estabilizala.

Logo foi evacuada ao Hospital de Lugo “en estado grave”, pero “estable”, a bordo dun helicóptero medicalizado do 061 con base en Ourense.

O detido, de 48 anos, pasará a disposición do xulgado de Sarria que instrúe as dilixencias do suceso o próximo domingo. Está sendo investigado polos presuntos delitos de homicidio e homicidio en grao de tentativa. A muller ferida está ingresada na Unidade de Coidados Intensivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade