Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mazón di que se sente apoiado polo PP, pero admite que puideron "cometer erros" na xestión da DINA

Mazón di que se sente apoiado polo PP, pero admite que puideron "cometer erros" na xestión da DINA

O presidente valenciano afirma que todo o seu Goberno está "absolutamente concentrado nos labores de recuperación" e di que empezará a falar o xoves de "cuestións políticas"

Sánchez elude pedir dimisións nestes momentos: "O Goberno está no que hai que estar"

A vicepresidenta terceira Teresa Ribera comparecerá o día 20 no Congreso

 

G24.gal 11/11/2024 12:28 Última actualización 11/11/2024 14:40

O president da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, asegurou este luns que se sente "apoiado" polo seu partido, o Partido Popular, ante a xestión que o seu Goberno está facendo da DINA.

Tras visitar en Picanya unha das pontes afectadas, Mazón indicou que comprende as especulacións e as reflexións políticas sobre el, pero non está ocupado "nin un só minuto" na súa posición política persoal. Insistiu en que das cuestións políticas empezará a falar o xoves, cando compareza en Les Corts.

Mazón admite que "se puideron cometer erros" por parte de tódalas administracións, entre eles "non ter prestado más atención á rampla de El Poyo". 

"Vai chegar un momento en que todas as administracións revisemos a nosa actuación", apunta, e esa autocrítica debe facerse "con humildade".

O president considerou que a prioridade dos cidadáns nestes momentos non é a parte política; asegurou que traballa para adecuar "toda a estrutura do Goberno da Generalitat Valenciana aos labores de reconstrución"; e opinou que as explicacións políticas hai que dalas de forma "sosegada".

Afirmou que estes días viu bulos e "insinuacións chocantes" pero que el non está "en clave de defensa persoal", e considerou que "o menos importante de todo" é a "posición política dun responsable político nun momento dado".

"Síntome apoiado pola responsabilidade que teño e síntome apoiado, por suposto, polo meu partido", destacou o president e líder do PP da Comunitat Valenciana, quen indicou que demostraría "moi pouca responsabilidade" se se preocupase pola súa situación política.

O president da Generalitat asegura que non se trata dun problema "de conciencia" e confesa que ten "moitísima dor".

"Eu o que teño é o compromiso absoluto. Non é un problema de conciencia cando todo o mundo fixo o que podía en función da información que recibía", aseverou Mazón, quen destacou que no Cecopi "están todas as Administracións" representadas.

"Non é unha cuestión tanto de conciencia ou non. O que desde logo si que teño é moitísima dor, iso non lle caiba ningunha dúbida", manifestou o president, quen respecto á manifestación do pasado sábado pedindo a súa dimisión afirmou que entende o enfado e a dor, e mostrou o seu apoio aos 31 policías feridos por condutas violentas.

Insiste Mazón que das cuestións políticas empezará a falar o xoves, cando compareza en Les Corts para falar da xestión da DINA, pero avanza que están traballando en "adecuar toda a estrutura do Goberno da Generalitat" aos labores de reconstrución.

Recalca, así e todo, que a política non é agora a súa prioridade xa que o Goberno valenciano "en pleno está absolutamente concentrado na recuperación".

O presidente valenciano avanza que a Generalitat está ultimando un paquete de axudas con medidas económicas, fiscais e de apoio que "probablemente aprobaremos mañá pola vía de urxencia". Anunciou que probablemente este martes o pleno do Goberno valenciano vaise reunir para aprobar decretos leis con novas medidas para axudar aos afectados.

Mazón recomenda empregar auga embotellada nas zonas afectadas pola DINA aínda que avanza que hai xa 21 municipios onde a inxesta está permitida. Asegura que "non hai consello das autoridades sanitarias" que indique que é preciso quentar a auga antes de consumir.

Afirma o president que a prioridade do seu Goberno agora é "desatoar a rede de sumidoiros" para evitar riscos para a saúde pública.

Recoñece que non teñen "recursos suficientes", polo que pedíu apoio a "empresas privadas, á CEOE e outras comunidades autónomas" para poder dispoñer dun maior número de efectivos e realizar este traballo "o antes posible".

Sánchez elude pedir dimisións nestes momentos: "O Goberno está no que hai que estar"

Sánchez eludiu abrir un debate político e pedir nestes momentos dimisións pola xestión da DINA porque, dixo, "o Goberno está no que hai que estar", na reconstrución das zonas afectadas e o relanzamento da actividade e evitou calquera crítica á Generalitat Valenciana ou o seu presidente, Carlos Mazón.

Ao mesmo tempo eloxiou o traballo realizado pola súa vicepresidenta e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e da delegada do Goberno na Comunidade Valenciana, Pilar Bernabé, ante as críticas que están a recibir desde o PP.

"Posteriormente virá o debate político sobre que cousas temos que mellorar ante unha emerxencia climática e ante a asunción de responsabilidades políticas, que evidentemente que terán que ser substanciadas nas Cortes Xerais e no Parlament valenciano". 

Pedro Sánchez foi moi insistente ao manifestar que en crise como a da DINA "o Estado somos todos".

De feito, eloxiou repetidamente o traballo de "todas" as administracións sen excepción, como concellos, Deputación Provincial de Valencia e administración central e de todos os seus empregados, que están a traballar "ombreiro con ombreiro" e sen descanso.

Comparecencia de Teresa Ribera

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, comparecerá a petición propia no Pleno do Congreso do próximo mércores 20 de novembro para dar conta sobre a súa xestión da DANA, segundo confirmaron a Europa Press fontes gobernamentais.

Nos últimos días, o PP reclamou a comparecencia de Ribera, a quen acusa de inacción na xestión da DANA e de estar máis centrada en prepararse para o exame en Bruxelas que na actividade do seu Ministerio, aínda que ela defende que estivo ao tanto en todo momento e mesmo que tratou de poñerse en contacto, sen éxito, co presidente da Comunidade Valenciana, Carlos Mazón.

A vicepresidenta Ribera asegurou o pasado venres que conseguiu falar con Mazón tras chamarlle catro veces o martes 29, unha vez que percibiu a "preocupación" no CECOPI pola "dificultade" na toma de decisións e a "gravidade da situación" da DANA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade