Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medalla de ouro para o queixo Galmesán de Arzúa na World Cheese Awards 2022

Medalla de ouro para o queixo Galmesán de Arzúa na World Cheese Awards 2022

As pezas pesan 12 quilos e pasan de 18 a 24 meses nas cámaras de maduración 

É un queixo tipo alpino feito en Arzúa con leite de vacas en pastoreo 

En só cinco anos acadou un gran recoñecemento no mercado gourmet  

 

G24.gal 08/11/2022 14:51

Iván é afinador de queixos. Desde o 2017 repite un ritual cada día para coidar que as 50.000 pezas que Galmesán produce cada ano evolucionen debidamente o tempo que pasan na cámara de maduración.

"Os tres primeiros meses hai que voltealos diariamente para que maduren ben polos dous lados", explica. 

A maduración de entre 18 e 24 meses a 12 graos de temperatura e un 80 % de humidade consideran que lle saca o máximo sabor ao leite de pastoreo co que fan o queixo. 

"No leite de pastoreo as vacas saen pastar todos os días; é algo que hai que valorar", di.

Elaboran as pezas de decembro a xuño, seguindo a técnica dos queixos alpinos, pero sen introducir ningún fermento alleo ao do propio leite. O resto do ano dedícanse de cheo a atender a maduración e a distribución.

"Estamos afeitos a ver en Arzúa un produto de maduración máis curta e queriamos darlle un valor aos nosos pastos e ao noso leite cun produto de maduración longa, unha técnica alpina elaborada en Galicia".

A fórmula iniciada hai 5 anos acaba de recibir un novo recoñecemento na última edición da World Cheese, a principal feira internacional dos queixos que nesta edición congregou máis de 4.000 tipos de todo o mundo. Galmesán xa tiña dúas medallas de prata de edicións anteriores, pero este ano lograron unha de ouro.  

"É un recoñecemento ao traballo feito ate agora e un orgullo levar un cachiño de Galicia á World Cheese Awards".

A xerente da empresa, Carmela Cano, recolleu a medalla en Gales. De paso aproveita a viaxe e o premio para reforzar a expansión do mercado do Galmesán no Reino Unido e no Foro Gastronómico de Barcelona, antes de volver a Arzúa para celebrar o éxito con todo o equipo desta queixeiría artesá. 

"Temos que facer un bo queixo pero tamén temos que contar o que facemos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade