Publicador de contidos
Publicador de contidos

Media Galicia, baixo aviso amarelo por chuvia e vento

Media Galicia, baixo aviso amarelo por chuvia e vento

Vento de máis de 80 quilómetros por hora e máis de 40 litros de chuvia ata o mediodía

Boa parte da frota quedou amarrada

Antón Montero 03/05/2024 20:38 Última actualización 03/05/2024 20:52

Xa é 3 de maio e a chuvia acaba coa paciencia de moitos. "A ver cando para, porque xa é demasiado", "estamos en maio e parece que temos o tempo de febreiro", lamentábanse dous veciños en Muros.

Outra tomábao con humor: "Aquí non podemos botarlle a culpa ao Goberno, se non andabamos a pedradas con eles". O mesmo facían en Fisterra os turistas. Algúns deles mesmo gozaron como nenos: "Veño á fin do mundo e non esperaba outra cousa que isto", dicía unha visitante.

En Zas, por exemplo, caeron 44 litros por metro cadrado en 12 horas. O aviso amarelo por precipitacións seguirá aínda ata o mediodía do sábado.

"Maio é tolo, non? Entón, non hai que estrañarse", resignábase un home. "Que imos facer? Sofá, televisión e tira!", engadía unha veciña.

O vento do sur impediu saír ao mar en portos como Ribeira, Fisterra ou o Grove. Un mariñeiro laiábase e que "este ano é un ano raro, temporal todo o tempo. Levamos desde outubro temporal un tras outro".

"Daban sur e 20 nós e decidiuse quedar", contaba un patrón de costa.

Foi un día perdido para por exemplo capturar os derradeiros polbos antes da veda. "Hoxe era o día de quitar as nasas pero como había temporal quitámolas onte e hoxe estamos preparando para outro oficio", explicaba un dos prexudicados.

O tempo seguirá revolto ata o luns, cando comezará a entrar o anticiclón noutra brusca reviravolta. Ata entón, convén non perder de vista o paraugas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade