Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medicina gráfica: cómics que falan de saúde, de enfermidades ou das experiencias de pacientes e sanitarios

Medicina gráfica: cómics que falan de saúde, de enfermidades ou das experiencias de pacientes e sanitarios

Unha conferencia organizada pola Academia Médico-Cirúrxica de Ourense tentou achegala un pouco máis á sociedade

G24.gal 04/04/2024 21:29 Última actualización 04/04/2024 22:08

A medicina gráfica é unha ferramenta ao alcance de todos. Esa que chega a través dos libros ou máis especificamente da banda deseñada. Cómics que serven para falarnos de saúde, de como afrontar as enfermidades ou das experiencias de médicos e pacientes. Unha conferencia organizada pola Academia Médico-Cirúrxica de Ourense tentou achegala un pouco máis á sociedade.

"A medicina gráfica é boa para todo o mundo. é o uso do cómic, da ilustración e a infografía, que ao final é o uso de imaxes para explicar cousas, de todos eses elementos para comunicar no plano sanitario", explica Pablo López Mato, médico internista no CHUO.

Trátase de comunicar e tamén de aprender.

"Dende que naceu no mundo anglosaxón, púxose énfase en que a través do cómic se podían coñecer historias de pacientes, procesos de enfermidade, ver reflectidos os profesionais sanitarios de forma crítica", lembra Eugenia García Amor, residente de terceiro ano de Neuroloxía.

E non só, porque a medicina gráfica utilízase ademais como unha ferramenta ao servizo do paciente, infografía, ilustración, fanzine, todo axuda nese triángulo que forman os pacientes, os médicos e a sociedade. Os cómics abordan moitas desas situacións cotiás con que se atopan. Pablo López:

"Ao mellor es un familiar que quere entender o que lle pasa a unha persoa que está enferma ou es a persoa enferma e queres saber se alguén máis está coma ti, ou ben es residente e queres entender como están os demais residentes, ou queres ver como te ven... É unha cousa que se fala en moitos cómics, o médico que non se explica, entón se non se consegue transmitir, non vale".

As patoloxías psiquiátricas e as oncolóxicas son as máis habituais na medicina gráfica polo que impactan emocionalmente, pero o certo é que poucas portas deixan pechadas. Pablo López:

"Hai moitísimos cómics de trastorno de conduta alimentaria, de dó, de coidados paliativos, hai de moitos tipos, hai moitos máis dos que se pensan".

E dependendo da temática, utilízanse para a docencia e tamén na experiencia cos pacientes. Eugenia García:

"Coñecer nese proceso da enfermidade narrado con imaxes como se humaniza a enfermidade, a partir dunha experiencia individual... moitos poden recoñecerse e dar valor e sentirse acompañados nese proceso".

Hai editoriais especializadas, congresos e másteres que axudan a coñecela máis de preto. Lembran que non é máis que outro medio de divulgación para achegar a medicina de maneira visual ao maior número de xente posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade