Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medio cento de veciños de Mos logran parar o desafiuzamento de Cruz

Medio cento de veciños de Mos logran parar o desafiuzamento de Cruz

A afectada, en paro e cun fillo menor, ten que abandonar a casa despois de 53 anos

A cuñada de Cruz asegura que "non a bota a familia, senón a xustiza"

 

G24.gal 14/02/2024 14:12

O clamor veciñal logrou deter, polo menos ata a semana que vén, a orde de desafiuzamento que pesa sobre Cruz. O seu pai, que ten o usufruto da casa, pero non vive nela actualmente, foi quen interpuxo a denuncia. 

"Levo toda a miña vida aquí, coidei día e noite a miña nai durante dez anos, tivo cinco ictus e deixei o traballo para atendela, a ela e ao meu pai", explica a afectada.

"Sempre estivo aquí coidando da nai, agora que morreu a nai queren botala da casa", afirma un veciño.

"Paréceme incrible o que está a facer o pai de Cruz, non é o de antes, algo lle pasou. De feito hai un informe de hai tres anos que di que ten principios de demencia", di unha amiga de Cruz.

Cruz di que investiu todo o que tiña en arranxar a casa. Recorda que está no paro e ten un fillo menor ao seu cargo. Asegura ademais que ten un último informe que acredita a súa vulnerabilidade. Arroupada por veciños e amigos, roga que non a boten.

"Que vexa o que fai, que está botando unha nai e un fillo fóra. Non temos onde ir, non teño como pagar un alugueiro, que teña corazón, isto non é xusto", pide a afectada.

A cuñada de Cruz, que rexeitou falar ante as cámaras, fala de denuncias falsas e nega que o seu sogro teña indicios de demencia. Tamén asegura que Cruz non está en situación de vulnerabilidade e que ten unha vivenda alternativa á que ir. Agarda que o desafiuzamento se produza canto antes, a diferenza destes veciños que volverán estar xunto a Cruz cando regresen as autoridades.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade