Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medo e agarimo nas Filipinas, onde mataron hai tres anos o empresario galego Diego Bello

Medo e agarimo nas Filipinas, onde mataron hai tres anos o empresario galego Diego Bello

Os tres axentes filipinos acusados de matalo están ilocalizables cunha orde de detención e ingreso en prisión sen fianza

G24.gal 08/01/2023 13:20 Última actualización 08/01/2023 13:47

Os residentes de Siargao, unha paradisíaca illa ao sur das Filipinas lembran con agarimo e "moita tristura" a Diego Bello, o surfista e empresario coruñés supostamente asasinado por tres policías. Este domingo cúmprense tres anos daquel suceso tráxico.

O medo e a cautela impóñense ao redor das circunstancias do caso, xa que os tres axentes das forzas da orde acusados do asasinato seguen fuxidos da xustiza e o propio Bello foi ameazado pouco antes da súa morte por un influente político local.

Tres anos máis tarde, moitos veciños prefiren non falar sobre o asasinato, ou falan desde o anonimato, nesta illa de flora exuberante. Os locais onde Diego rexentaba unha discoteca, A Santa, e unha tenda de roupa, atópanse agora abandonados a uns 200 metros da súa antiga vivenda na localidade de Xeneral Luna, onde foi asasinado a tiros aos seus 32 anos.

“Diego era un bo rapaz, tiña unha enerxía moi positiva”, rememora Jerson (39 anos) -que prefire ocultar o seu apelido- en Cloud 9, a praia predilecta do surf ao leste de Siargao, onde coñeceu ao español surfeando.

Diego Bello, nado na Coruña en 1987, chegou en 2017 a Siargao, na rexión de Mindanao, e decidiu quedar para construír unha vida arredor do surf, a natureza e a diversión que ofrecía esta recóndita illa tropical en plena explosión turística.

Aquí Diego emprendeu con éxito varios negocios, entre eles unha tenda de surf, un hostal e unha discoteca; a vida sorríalle, os seus negocios florecían e el seguía gozando do surf, que nunca deixou de lado, segundo relatan os seus amigos.

Pero a madrugada do 8 de xaneiro de 2020 todo acabou de maneira violenta e inesperada: Bello morreu cribado a balazos nunha suposta operación policial antinarcóticos cando volvía de traballar na súa discoteca.

Acusacións infundadas

Os axentes acusaron o emprendedor galego de ser un “narcotraficante de alto valor” e de defenderse cunha pistola, premisa baixo a que xustificaron a violencia da operación.

Con todo, a maioría dos que coñecían a Bello en Siargao, que nunca o viron vendendo drogas nin moito menos portando unha pistola, refugaron desde o principio a acusación policial.

En marzo de 2021, dous anos despois da súa morte, os policías que orquestraron a operación foron acusados do asasinato do empresario español por un tribunal, que emitiu unha orde de arresto.

Os acusados, o capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Niño Boy Esmeralda, non se presentaron ante o tribunal e atópanse ilocalizables , segundo as autoridades. Recibiran permisos de vacacións para non estar nos seus postos.

O paraíso pasa a ser un inferno

Diego, que xogou nas categorías inferiores do Deportivo da Coruña, quedou prendado das praias de Siargao, onde as grandes e constantes ondas atraen cada ano miles de turistas de todo o mundo.

"Surfeaba moito connosco, nunca tivemos ningún problema con el. Sempre tiña un sorriso e unha broma para todo”, lembra Keivi, outro surfeiro filipino de 31 anos que leva asentado en Siargao máis dunha década.

Coa súa simpatía natural, un sorriso gaioleiro e varios negocios florecentes, Bello fíxose coñecido na illa rapidamente, pero eran tempos perigosos. Segundo senllos informes da Comisión de Dereitos Humanos e da Oficina de Intelixencia Filipina (NBI), os policías asasinaron o empresario galego  “aproveitando a súa posición de poder” no marco da "guerra contra as drogas".

Esta polémica cruzada contra o narcotráfico do expresidente Rodrigo Duterte (2016-2022) provocou miles de mortos no medio da impunidade policial e está a ser investigada por posibles crimes de lesa humanidade pola Corte Penal Internacional.

“Escoitei os disparos e espertei sobresaltada”, relata a EFE May V., propietaria da casa onde vivía Diego coa súa parella desde había un mes, e que reside na casa contigua.

“Os policías ían encapuchados, non se identificaron e non me deixaron saír a ver que pasara”. Unhas declaracións congruentes co informe da NBI, que afirma que os policías manipularon a escena do crime e colocaron unha pistola xunto ao corpo do empresario.

Situada entre a praia e a estrada principal de Xeneral Luna, a casa austera onde vivía Bello está a ser reformada, pero un buraco de bala que perforou o valo metálico que delimitaba a súa casa segue visible a día de hoxe.

Diego saltou o valo tentando fuxir, segundo relatan os seus veciños, pero foi abatido finalmente polos axentes e os seis disparos que recibiu acabaron coa súa vida.

Os seus veciños gardan silencio cando se lles pregunta se cren que alguén deu a orde de matar o empresario galego establecido alí.

Tres anos despois o suposto asasinato de Diego Bello a mans das forzas da orde das Filipinas garda incógnitas sen resolver e é un misterio do que poucos queren opinar en Siagao.

Casa onde Diego Bello residía canda a súa parella Casa onde Diego Bello residía canda a súa parella
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade