Medo e ameazas de supostos traficantes nunha aldea de Boiro
Medo e ameazas de supostos traficantes nunha aldea de Boiro
Os veciños de San Mauro din convivir a diario con roubos, leas e ameazas
Afirman que unha banda está asentada nunha escola municipal abandonada
A veciñanza da parroquia de Santiago de Lampón, en Boiro, vive atemorizada. Na antiga escola unitaria, segundo din, está instalada unha banda que vende droga, o que converte as súas rúas nunha constante trasfega de xente molesta e roubos. Tamén hai leas, ameazas e inseguridade.
É o pesadelo que viven os veciños e veciñas nun lugar que non chega nin a cen habitantes. Din que preto dunha ducia de persoas viven habitualmente nesta escola abandonada. Afirman que son xente moi perigosa, que vive do tráfico de droga.
Aos poucos comezaron a traer mobles e electrodomésticos de todo tipo. Ao parecer están conectados á traída de auga veciñal e á municipal, ademais de usar de forma irregular o tendido eléctrico.
A porta de acceso atópase pechada cun cadeado e un cartel que advirte da presenza dun can perigoso, que resulta ser un pincher. Os adictos acoden habitualmente ás casas para timbrar pedindo que se lles preste un teléfono ou pequenas cantidades de diñeiro.
A Garda Civil de Boiro desartellou en outubro do ano pasado este punto de venda de droga. A operación rematou coa detención dunha persoa e a incautación de numerosas doses de cocaína e heroína. Un ano o medo volveu a asentarse na aldea.
Os veciños din que pediron en xullo unha xuntanza coa alcalde, da que aínda non teñen resposta. Tamén afirman que non toma medidas para solucionar a situación como o selado do acceso ao edificio que é de titularidade municipal.