Medra o cosumo de herba mate como substituto do té ou do café
Medra o cosumo de herba mate como substituto do té ou do café
As importacións de mate, unha infusión con calidades antioxidantes, medraron un 40 por cento
O mate, unha infusión moi popular nos países do cono sur de América, pero cada vez é máis coñecida e consumida en España, influenciada polos inmigrantes pero tamén pola difusión de imaxes de artistas e deportistas tomando a bebida.
"Cando o compartimos con persoas de aquí, como é algo que gusta e ademais é saudable, moita xente se afecciona. Hai consumidores de mate que non son nin arxentinos nin uruguaios, como por exemplo Griezmann. Seguramente ver a figuras como Messi tomar mate influíron visualmente en que moita xente diga que é iso, quero probalo", comenta Guido Álvarez un lugués de pai arxentino.
Tanta é a afección que se está collendo en España que as importacións de herba mate aumentaron un 40 por cento o último ano. Tal é a demanda que xa non fai falta ir buscala a unha tenda especializada en produtos latinos. As grandes cadeas de alimentación non deixaron pasar a oportunidade ante o aumento do consumo e xa o incorporaron aos seus andeis.
"Véndese cada vez máis e máis variedade. Moitos españois tamén veñen a preguntar por ela", di unha dependenta dun negocio de venda de produtos latinos.
Ata hai ben pouco só se podía mercar en tendas especializadas, pero agora xa é habitual nos andeis dos supermercados, que non deixan pasar a oportunidade ante o aumento do consumo.
"De primeiras choca, pero logo gusta. Non deixa de ser un estimulante pero máis natural que o café, con menos proceso químico. Iso faino máis saudable".
A herba mate é rica en antioxidantes, axuda á redución do colesterol, ten calidades antiinflamatorias, baixa o azucre en sangue e, por se fose pouco, aumenta a oxidación da graxa corporal.