Miguel Corgos: "Os galegos aforraremos máis de 128 millóns de euros na declaración da renda"
Miguel Corgos: "Os galegos aforraremos máis de 128 millóns de euros na declaración da renda"
"A nosa idea foi xerar alivio fiscal para as familias, para paliar a suba dos prezos, e permitir que teñan máis renda dispoñible", segundo o conselleiro de Facenda e Administración Pública
O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirmou nunha entrevista no programa Bos días que é moi importable ser predicibles no eido da política fiscal para que os cidadáns saiban que facer no relativo ao consumo e o investimento, sobre todo neste ano complicado que se está a vivir pola suba dos prezos.
"Unha das principais medidas que recollemos nos orzamentos son medidas de alivio fiscal. En parte é adaptarse a situación, pero é parte dun camiño en que estamos dende hai máis de dez anos. Baixamos os impostos sempre que podemos cun único límite, unha única liña vermella, que é o mantemento dos servizos públicos esenciais".
Corgos afirmou que as contas din que cando se presenten as máis de 1.300.000 declaracións por parte dos galegos, aforrarán máis de 128 millóns de euros grazas ás novas rebaixas fiscais que se introduciron no tramo autonómico.
Unha desas novidade é que se pasa de sete a cinco tramos, con rebaixas en todos agás o de rendas máis altas, o que implica que quedan por baixo dos tipos estatais.
A deflación dos tres primeiros tramos
O conselleiro dixo que aínda que suban os salarios, soben tamén os prezos, e así non medra o poder adquisitivo das familias, e que a Xunta non quere que se converta en pagar máis impostos. Corgos afirma que compensan esa suba de prezos para os tres primeiros tramos, os que están por debaixo dos 35.000 euros, para non pagar máis.
Outra novidade é a rebaixa por cuarta vez en nove anos o IRPF, neste caso, o tramo autonómico máis baixo para rendas máis modestas, que pasa do 9,4 % ao 9 %. Os cidadáns galegos aforrarán na declaración de 2023 unha media de 476 € en relación ao que pagaban en 2009.
"Quedaba pendente para rebaixar a carga fiscal das rendas máis baixas, pasa do 9,4 ao 9 % con efecto retroactivo de xaneiro do 2022, así que xa se aplicará na declaración que se fai este ano".
Hai novidades fiscais que non se aplicarán nesta declaración. A bonificación do imposto de patrimonio amplíase, este ano aplícase un 25 % e no vindeiro ano, o 50 %. Tamén hai outras rebaixas que comezarán a aplicarse o próximo ano.
"Non se aplican con efectos retroactivos as deducións como familias numerosas para aquelas que teñan dous fillos. A partir do ano que vén serán de 250 euros para as de dous; 500 para as de tres; 750 euros para as de catro, e así sucesivamente".
Segundo o conselleiro, a idea de Facenda foi xerar alivio fiscal para as familias pola suba dos prezos, permitir máis renda dispoñible as familias e aumentar a competitividade fiscal de Galicia.
"Os impostos son unha parte importante nos salarios das persoas traballadoras. Cando cobramos non nos fixamos no salario bruto. Non ten sentido falar de reter talento e de ser competitivos cando despois temos uns impostos que están moi por riba da media. Queremos ser competitivos fiscalmente coidando sempre os servizos públicos fundamentais. E por iso estamos entre as dúas mellores comunidades de España".