Miguel Corgos: "Son moi desafortunadas as declaracións do delegado do Goberno sobre Altri"
Miguel Corgos: "Son moi desafortunadas as declaracións do delegado do Goberno sobre Altri"
O conselleiro de Facenda aféalle ao delegado do Goberno que lamentara que a portuguesa Altri optara pola provincia de Lugo en lugar da da Coruña
Corgos tamén asegura que o Goberno "está invitando pero o que paga é a comunidade" no que atinxe ás novas medidas para paliar a inflación
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, considera "moi desafortunadas" e incomprensibles as declaracións do delegado Goberno en Galicia, José Miñones, sobre o emprazamento de Altri en Palas de Rei, nas que José Miñones asegurou que se "perdeu a oportunidade de aproveitar os fondos extraordinarios de transición xusta, 111 millóns que a UE dá ao Goberno de España e que se transmiten á Xunta para proxectos estratéxicos co condicionante de que tiñan que estar situados na provincia da Coruña". Para Corgos, estas afirmacións de Miñones evidencian "o descoñecemento da estrutura de financiamento de fondos que ten a comunidade". Explica que proxectos como "o de Altri, lembremos que implica un investimento de máis de 800 millóns de euros, deben financiarse cos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que non precisan cofinanciamento e que o seu destino é precisamente grandes proxectos transformadores".
"Altri, lembremos que implica un investimento de máis de 800 millóns de euros, deben financiarse cos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que non precisan cofinanciamento e que o seu destino é precisamente grandes proxectos transformadores. Se temos os fondos por que non os asignamos unha vez máis a un recurso xerador de investimento, riqueza e emprego na comunidade? Non se entende, dende logo moi desafortunadas as declaracións do delegado do Goberno".
Medidas do Goberno contra a inflación
O conselleiro de Facenda tamén lle afea ao Goberno central que non informara as comunidades autónomas da posible afectación nas súas arcas das medidas para paliar a inflación que afectan a tributos cedidos total ou parcialmente. É o caso do imposto da electricidade ou do IVE. Miguel Corgos considera necesarias medidas como a rebaixa do IVE a alimentos básicos, malia botar en falta que non se faga "na carne e no peixe". Con todo, apunta que o Goberno debeu informar as comunidades das súas decisións e a conta de quen se financian.
"Son medidas que se toman baixando un imposto que está cedido total ou parcialmente á comunidade autónoma. Totalmente o imposto especial sobre a electricidade, o cen por cento é noso. O Goberno está invitando e a que paga é a comunidade autónoma. O menos que deberían facer, por lealdade institucional, é reunirse coas comunidades autónomas, comunicarnos previamente a medida e dicirnos como se vai financiar".