Miguel Román: "Temos os pés no chan: primeiro, a permanencia; logo, seguir sumando"
Miguel Román: "Temos os pés no chan: primeiro, a permanencia; logo, seguir sumando"
O autor do segundo gol en Teruel atendeu o Galicia en goles
Suma e segue o filial céltico. Situado nos postos de privilexio, o conxunto dirixido por Claudio Giraldez amósase xornada a xornada máis sólido e eficaz, xa sexa en Balaídos, Barreiro ou actuando coma visitante. A última vítima foi o Teruel, que sucumbiu ante a superioridade do Celta Fortuna. Miguel Román atendeu á Radio Galega nada máis rematar o partido en Pinilla.
"Sabiamos que era un rival difícil, fixemos un bo partido e non marcamos ata a segunda metade. Moi contento por meter o gol, individualmente e por axudar ao equipo. Decidín tirar e saíu ben. Na primeira parte pecháronse ben, pero na segunda parte apareceron espazos por dentro. Hai que pensar xa na vindeira xornada. Cada vez vou adaptándome máis ao equipo. Temos os pés no chan, primeiro é a salvación e logo pensar no play-off. A liga é moi longa. Podemos estar ben agora e en dúas xornadas estar peor".