Miguel Tellado: "Temos a sensación de que o PSOE non sentará na convocatoria que lle fixemos parar acordar os debates electorais"
Miguel Tellado: "Temos a sensación de que o PSOE non sentará na convocatoria que lle fixemos parar acordar os debates electorais"
Miguel Tellado: "Temos a sensación de que o PSOE non sentará na convocatoria que lle fixemos parar acordar os debates electorais"
O vicesecretario de Organización do PP di que están dispostos a debater en calquera formato pero "non a substituír a campaña electoral por debates en televisión"
Tellado desexa que en Estremadura se chegue a un acordo que evite repetir eleccións
Afirma que Francisco Conde e Rosa Quintana son "perfís importantes" con vistas a un eventual Goberno de Feijóo
O vicesecretario de Organización do PP, o galego Miguel Tellado, expresa na Radio Galega as súas dúbidas de que o PSOE acepte finalmente a invitación dos populares para reunirse mañá e abordar o formato dos debates de campaña entre Alberto Núñez Feijóo e Pedro Sánchez con vistas ás xerais do 23 de xullo.
"Nós estamos abertos a debater, estamos abertos a un diálogo e por iso convocamos o Partido Socialista para o luns. Pero temos a sensación de que o Partido Socialista non vai sentar na convocatoria que nós lles fixemos o luns para establecer un acordo sobre cantos e de que formas deben ser os debates electorais".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Tellado insiste en que o PP está disposto a debater en calquera "formato xusto e ordenado" que se formule pero "non a substituír a campaña electoral por debates en televisión". Tellado, que tirou dos debates desenvolvidos no Senado entre Núñez Feijóo e Sánchez, explicou que "se estivemos dispostos a debater durante un ano así no Senado cada vez que Pedro Sánchez quería, como non imos estar dispostos a debater en calquera formato que os medios de comunicación formulen de forma xusta e ordenada?". O que si marcou como liña vermella é que "non estamos dispostos é a substituír a campaña electoral por debates en televisión, que é o que pretende Pedro Sánchez, que non se atreve a saír á rúa e quere converter nun espectáculo televisivo a súa campaña electoral".
Pactos con Vox e Estremadura
Tellado, preguntado pola relación entre PP e Vox coa vista posta nas eleccións do 23 de xullo, asegura que a intención do seu partido é "gañar" e "gobernar" e facelo "en solitario". Sobre os criterios que seguen nas comunidades e os concellos tras as eleccións do 28 de maio, o vicesecretario de Organización do PP di que alí onde teñen "necesidade de chegar a acordos" é o que están facendo e puxo como exemplo as Canarias e Cantabria. En todo caso di agardar que "nas próximas semanas, alí onde aínda non hai acordos que permitan gobernos do cambio se poidan ir materializando pouco a pouco" e que se fagan "con pouco ruído e garantindo en todo o caso que o PP non renuncie aos seus principios, aos seus valores e ao seu programa electoral".
Sobre a situación de Estremadura, Tellado dixo desexar que non se vaia a repetición electoral porque "os cidadáns xa falaron" e porque é "un custo económico importante". Segundo explicou, "hai unha maioría de cambio -se sumamos os votos do Partido Popular e os votos de Vox- e polo tanto a min gustaríame que ambas as formacións políticas no territorio fosen capaces de acadar un acordo que permita enfrontar estes catro anos con normalidade, con estabilidade e que permita gobernar para todos, que é o que non houbo durante estes últimos catro anos co goberno de Guillermo Fernández Vara". A continuación engadiu que "oxalá haxa oportunidade de acordo entre Partido Popular e Vox e oxalá sexamos capaces de estar á altura das circunstancias e dos estremeños".
Listas galegas ás xerais
Miguel Tellado confirma que Alberto Núñez Feijóo fará campaña en Galicia e admitiu -aínda que non entrou en detalles- que fará un acto no seu concello natal dos Peares -provincia de Ourense-. Respecto ás listas galegas ás Cortes para as xerais do 23 de xullo e as posibilidades que se barallan para algúns dos nomes incluídos en caso de conseguir gobernar, Tellado recoñeceu que "é evidente que o PPdeG está moi presente na dirección do PP e aquí hai moita canteira". Sobre Francisco Conde e Rosa Quintana, Tellado admite que "son perfís importantes" con vistas a un posible Goberno de España do PP.