Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mil escolares participan na Gala final do XXII Festival intercentros da Coruña

Mil escolares participan na Gala final do XXII Festival intercentros da Coruña

Para asistir ao espectáculo hai que mercar a entrada e achegar un quilo de alimentos 

A recadación este ano vai ser para a Fundación ENKI e a Cociña Económica

Destacan o gran nivel que están acadando os números da sección Coreografías 

G24.gal 15/03/2024 14:34

Os técnicos do Festival Intercentros da Coruña probaban esta mañá todo o equipamento que van precisar os números da edición número vinte e dúas da gran gala que se celebra pola tarde no Coliseum. A chispa inicial que saltou no ano 2002 no Colexio Santo Domingo seguindo o ronsel de Operación Triunfo foise ampliando a toda a rede de centros e academias da área metropolitana da Coruña.

Esta vez son trinta os que participan, segundo informa Rodrigo Hidalgo, presidente da Asociación Festival Intercentros. Di que ano a ano, amais da modalidade de cantantes e grupos, foi collendo relevancia a sección de baile, polas grandes coreografías que se presentan.

Pero á par desta finalidade artística está tamén a solidaria. Cada ano o Festival Intercentros escolle dúas entidades locais para divulgar a súa misión e achegarlles fondos. Este ano os beneficiarios son a Cociña Económica e a Fundación ENKI, que promove a integración das persoas con discapacidade a través do deporte.

A xerente de ENKI destaca a grande achega que supón ser beneficiaria do festival tanto pola achega económica coma pola visibilidade que lle reporta á organización. Durante todo o ano as organizacións elixidas realizan actividades divulgativas nos centros e reciben o recadado noutras actividades solidarias das escolas.

Para a gala final que empeza as cinco da tarde, as mil entradas da zona baixa xa están todas vendidas, pero aínda queda sitio libre nas bancadas do Coliseum. Por dez euros e un quilo de alimentos non perecedoiros calquera pode desfrutar do espectáculo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade