Un exceso de actividades extraescolares pode producirlles estrés aos cativos
Un exceso de actividades extraescolares pode producirlles estrés aos cativos
Os expertos aseguran que os rapaces deben ter tempo de descanso e de xogo libre para desenvolver a creatividade e a autonomía
A falta de tempo para a conciliación das familias deriva nun encadeamento da actividade académica e extraescolar
Combinar estudos, vida familiar, amizades e actividades extraescolares pode levar a unha sobrecarga horaria para os máis pequenos agora que comezou o curso.
Planificar tempo de descanso e xogo libre é fundamental para o seu desenvolvemento cognitivo, pero as axendas familiares non sempre o permiten.
Unha vida marcada por horarios laborais, tarefas domésticas, actividades sociais e coidados deixa pouco acougo en moitas familias para pasar tempo de calidade xuntos. De aí que compaxinar esta axenda adulta coa dos cativos pode converter o tempo que debera ser de ocio en estrés.
"Estamos falando de rapaces e rapazas que, ao mellor por falta de conciliación dos pais, teñen que estar 10 e ata 12 horas facendo actividades extraescolares pero obrigatorias. Non poden deixar de ir un día nin unha temporada porque non hai quen os coide. Ese é un fenómeno que estamos vendo e que eleva de xeito preocupante os niveis de estrés nunha porcentaxe alta de rapaces", asegura Olegario Sampedro, doutor en Psicoloxía e docente.
Os expertos valoran que as extraescolares poden ser beneficiosas para o desenvolvemento da rapazada. Pero andar a correr toda a tarde dunha actividade noutra, e ter que cumprir con horarios e rendemento académico, deportivo ou artístico, impídelles en moitos casos ter tempo para non facer nada e ser só nenos.
"Hai un fenómeno moi curioso que é que as sociedades desenvoltas a medida que van crecendo e se van desenvolvendo téñenlle como alerxia ao tempo libre, parece que hai que encher ese tempo libre. España, como sociedade desenvolta é rica en todo agás tempo libre. E o tempo libre é fundamental telo. Os rapaces teñen que ter xogo libre, que poidan ir á rúa e non estar dirixidos coa actividade que teñen que facer. Incluso que se aburran, porque de aí nace a creatividade e tamén desenvolven maior tolerancia ao fracaso", advirte Sampedro.
Os docentes insisten tamén en que sexan os rapaces os que elixan as extraescolares segundo o seu gusto, que poidan probar e deixalas sen presión e que o tempo en familia sexa para falar e compartir e así detectar se os nenos se senten saturados.