Ayuso outorga a Medalla Internacional a Milei eloxiando a súa "defensa da liberdade"
Ayuso outorga a Medalla Internacional a Milei eloxiando a súa "defensa da liberdade"
Javier Milei: "Non deixen que o socialismo lles arruíne a vida"
A Moncloa di que a visita é privada e acusa a Ayuso de deslealdade
O presidente da Arxentina, Javier Milei, recibiu este venres a Medalla Internacional da Comunidade de Madrid.
Un recoñecemento que abre unha nova fronte entre a presidenta madrileña e o Goberno central. Desde a Moncloa acusan a Isabel Díaz Ayuso de desleal e aseguran que a condecoración é ilegal, ao ir contra a Lei de acción exterior.
O PP enmarca o acto dentro da normalidade e pídelle a Pedro Sánchez que recompoña as relacións coa Arxentina.
A visita de Javier Milei é estritamente privada, xa que está á marxe das institucións do Estado. Non será recibido nin polo presidente do Goberno nin polo rei.
O presidente arxentino agradeceu o recoñecemento da Comunidade de Madrid. No seu discurso, cargou contra o socialismo e fixo algunha referencia a Pedro Sánchez.
O presidente da Arxentina aludiu ás "porosas mans dos políticos", os seus irmáns ou as súas parellas, nunha referencia, sen citalo expresamente, ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e a súa familia.
"A discrecionalidade sempre xoga malas pasadas, sempre hai filtracións. Bastiat falaba das porosas mans dos políticos. Quizais non é a do político directamente, quizais é a do irmán, a da parella ou o que fose... e o que queira entender que entenda", dixo o presidente arxentino.
Xa citando directamente a Sánchez, destacou que "se os socialistas entendesen de economía non serían socialistas".
No medio dunha grande expectación mediática, cun centenar de xornalistas acreditados e decenas de persoas ás portas da sede do Goberno rexional, Milei mantivo un encontro privado duns 45 minutos con Ayuso, con quen saíu ao balcón de Sol a saudar antes de asinar no libro de honra e recibir a medalla.
Milei centrou a súa intervención en arremeter contra o socialismo e presumir do seu "logros" económicos, pero sen deixar de lado as súas críticas ao líder do Executivo, con alusións ás causas xudiciais da súa esposa e irmán. "Parece que unha das excepcións que teñen á regra téñena vostedes co señor Sánchez que evidentemente, a pesar de estudar economía ou non entendeu ou, digamos, gústalle moito o Estado para levarse postos aos españois", dixo.