Miles de avogados e procuradores manifestáronse en Madrid para reclamar pensións dignas
Miles de avogados e procuradores manifestáronse en Madrid para reclamar pensións dignas
A mutua profesional rebáixalles a previsión de pensións futuras de mil douscentos euros a unha media de catrocentos euros mensuais
Avogados e procuradores alzaron este sábado a súa voz na capital do Estado para pedir "pensións en igualdade e non caridade". Os organizadores cifran en 20.000 os participantes na manifestación chegados desde distintos puntos de España e a Delegación do Goberno fala de 6.500.
O problema radica en que a maioría de avogados e procuradores confiaron as súas pensións a unha mutua profesional, que está a rebaixar drasticamente as cantidades que percibirán os futuros xubilados. O que demandan é unha pasarela para acceder ao réxime de autónomos da Seguridade Social. Explican que se consideran estafados polos colexios profesionais, que lles recomendaban optar pola mutua en detrimento do sistema público de pensións.
"Concretamente, aos afectados de Mutua Avogacía chégalles unha estimación das pensións que percibirían, e esas estimacións que antes estaban arredor de mil ou mil douscentos euros de golpe baixan a catrocentos, porque ao parecer a Mutua recalculara en base á auténtica esperanza de vida da xente", sinala Isabel Rabell, voceira de Alter Mutua.