Milleiros de pequenas bólas de plástico aparecen nos areais da ría de Muros e Noia
Milleiros de pequenas bólas de plástico aparecen nos areais da ría de Muros e Noia
As autoridades sospeitan que poderían proceder dun contedor que caeu dun buque fronte ás costas portuguesas o pasado 8 de decembro
A Xunta coordina cos concellos a limpeza dos areais e confirma que a empresa do buque asumirá os custo da retirada dos pellets
Nos últimos días apareceron pequenos anacos de plástico inerte, do tamaño dos pellets, en varios areais entre Corrubedo e Porto do Son. Crese que poderían proceder dun contedor que caeu dun buque fronte ás costas portuguesas o pasado 8 de decembro e que estarían chegando agora ás praias.
Madison Hourihan, da Asociación Noia Limpa, concreta que foi á altura de Viana do Castelo o 8 de decembro e que os plásticos chegaron ás praias os días 13, o 20, o 25 de decembro... As últimas imaxes son de hoxe mesmo.
A campaña da asociación Noia Limpa fíxose viral. Ducias de persoas mandan imaxes das bólas de plástico que aparecen na praia das Furnas, en Rio Sieira, Corrubedo, Boa... e tamén noutros lugares máis afastados como Burela ou Carnota.
Ata o momento puideron recoller 52 sacos nunha limpeza que fixeron e teñen detectados seis máis. Levan o nome da empresa polaca Bedeko Europe. A súa dúbida é que o contedor trae moitos máis e temen que podan ir chegando á costa nos próximos días.
María Santiago, outra voluntaria da asociación, afirma que a limpeza destes microplásticos é moi complicada pero pide que alguén se faga responsable.
A delegación do Goberno e tamén a dirección xeral de Costas recibiron notificación deste episodio o pasado día 21 de decembro e, por prevención, a subdirección de Gardacostas activou o Plan Camgal de Continxencias por Contaminación Mariña, en fase de alerta.
O servizo de Gardacostas manterá a vixilancia na litoral para detectar a chegada destes materiais e solicita a cidadanía que ante a súa detección notifique ao 112.
Desde a Consellería do Mar confirmron que están en contacto permanente cos concellos para facilitar a limpeza da costa e despois pasaranlle os gastos á empresa responsable.
De feito, a armadora do buque xa trasladou a súa vontade de colaboración coas diferentes administracións competentes para asumir o custo da recollida destes materiais, e desde a Delegación do Goberno aseguran que se comprometeu retirar as bolas de plástico nas zonas nas que aparezan.