Milleiros de persoas piden en Santiago unha enerxía eólica beneficiosa para a poboación
Milleiros de persoas piden en Santiago unha enerxía eólica beneficiosa para a poboación
Coincidindo co día do Medio Ambiente, milleiros de persoas manifestáronse en Santiago contra o actual modelo eólico.
Máis de 200 colectivos e entidades sociais uníronse á coordinadora da plataforma "Eólica así non" para demandar unha alternativa enerxética aos parques eólicos e favorable a outras fontes renovables. O lema da marcha: "Enerxía xusta e sostible, enerxía por e para o pobo".
Demandan un modelo enerxético xusto e sostible, diferente ao que propoñen a Xunta e o Goberno central. A marcha, que saíu da Alameda e rematou na praza do Obradoiro, contou coa presenza de representantes de varios sindicatos e organizacións ecoloxistas. Tamén participou a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.
Os participantes na marcha denuncian un "boom especulativo e depredador" por parte de empresas eléctricas, e berraron lemas con frases como "este plan eólico arrasa con todo", "espolio e miseria é o que nos deixan", ou "renovables si, pero non así".
Tamén denunciaron a proliferación de aeroxeradores en territorio galego que contribúen a nutrir de beneficios as principais empresas enerxéticas, pero non, na súa opinión, o conxunto da sociedade.
Adega calcula que Galicia ten máis de 250 proxectos en trámite para instalar aeroxeradores, fronte a máis de 4.000 xa implantados, con capacidade para xerar uns 4.000 MWhora, e reclama unha moratoria real. Consideran que a anunciada pola Xunta non é efectiva.