Publicador de contidos
Publicador de contidos

39 detidos por saqueos en supermercados tras a DINA

39 detidos por saqueos en supermercados tras a DINA

O Xulgado de Instrución número 3 de Torrent decreta o ingreso en prisión de catro homes acusados de roubos en comercios

G24.gal 31/10/2024 15:53 Última actualización 31/10/2024 20:54

Pasaron case 48 horas dende o paso da DINA, pero nas zonas afectadas miles de persoas seguen sen auga, sen luz, sen gas. Moitos tampouco teñen nin telefonía fixa nin móbil para comunicarse cos seus, e entre a estampa de destrución moitos supermercados están desabastecidos e hai mesmo saqueos e pillaxe.

A Policía Nacional en Valencia detivo, nas últimas horas, 39 persoas acusadas de roubar en varios establecementos que estaban pechados polas consecuencias da DINA. Moitos dos obxectos roubados foron recuperados. Hai tamén petición de que a xente non faga compras excesivas pensando en facer provisión de alimentos. Piden as autoridades que non se faga.

Hai problemas tamén para as comunicacións telefónicas. Moitas zonas están sen cobertura móbil. Milleiros de familias están sen luz. As compañías lograron restablecer o servizo, pero non en todos os puntos. Hai problemas tamén coa auga da billa en varias zonas de Valencia. As incidencias son constantes e en todos os ámbitos. Por exemplo, os prazos procesais están conxelados na provincia. Os xuízos, suspendidos. 

Entre a desolación e os danos hai berros desesperados que claman por servizos básicos. Moitos municipios afectados seguen sen auga e hai unhas 40.000 persoas que seguen sen subministración eléctrica. 140 mil clientes están aínda sen telefonía fixa e preto de 250.000 sen móbil.

A xente botouse á rúa na procura de alimentos e auga, e moitos supermercados quedaron desabastecidos, pero tamén hai quen aproveita para saquear todo tipo de establecementos. Roubos e saqueos que complican aínda máis o caos xerado pola DINA.

O ministro de Política Territorial, Anxo Víctor Torres, asegurou este xoves que fronte á "pillaxe e ultraxe" derivados das consecuencias da DANA haberá "absoluta contundencia" por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

"Sendo fundamental tamén a seguridade, hai que trasladar á sociedade valenciana que seremos escrupulosos e esixentes na defensa da mesma", dixo o ministro nunha rolda de prensa en Moncloa tras a reunión do comité de crise pola DANA.

A Policía ten en marcha un dispositivo especial e os axentes recuperaron "multitude de efectos subtraídos".

A Garda Civil informou da detención de 11 persoas.

Así mesmo, o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Torrent, decretou na tarde deste xoves o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de catro homes acusados de saquear comercios dun centro comercial da localidade de Aldaia (Valencia) durante a noite do pasado martes, cando a zona estaba a ser azoutada pola DANA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade