Mobilización contra o veto á pesca de fondo, horas antes da entrada en vigor
Mobilización contra o veto á pesca de fondo, horas antes da entrada en vigor
O sector convoca unha protesta esta tarde en Ribeira e reclama o apoio da cidadanía
Esta medianoite entra en vigor o veto europeo á pesca de fondo en 87 áreas e a incerteza vai en aumento. Os patróns dos barcos afectados aseguran que non saben con exactitude onde poderán pescar.
A Xunta reuníase nas últimas horas co sector para remitirlles un documento, tamén trasladado ao Goberno, cos argumentos necesarios para que as casas armadoras poidan fundamentar os recursos individuais contra o veto da Comisión Europea.
Mobilización en Ribeira
Para protestar contra unha medida que -advirten- suporá un gran golpe para toda a economía galega, o sector convocou unha concentración esta tarde en Ribeira. Comeza ás 19:00 horas na Praza do Concello.
Está previsto que acudan todas as formacións políticas e sindicatos, ademais das principais asociacións pesqueiras do país. Tamén confirmou a súa asistencia a conselleira do Mar.
"Sen o mar, morremos. NON ao veto á pesca de fondo" é o que reza a pancarta que leva días pendurada no balcón da casa consistorial.
Apoio da sociedade civil
Nunha entrevista no informativo Bos Días da TVG, o presidente da Asociación de Armadores de Vigo, Javier Touza, pedía o apoio de toda a sociedade civil.
"Eu mandaríalle unha mensaxe a toda a sociedade civil porque... quen en Galicia non ten relación, directa ou indirectamente, as súas familias, os seus amigos, co sector, coa cadea mar-industria que é moi longa? Necesitamos o apoio de toda a sociedade; que se nos escoite alto e forte en Bruxelas que é xusta a nova reivindicación".