Publicador de contidos
Publicador de contidos

Montero di que o acordo fiscal para Cataluña é solidario e constitucional

Montero di que o acordo fiscal para Cataluña é solidario e constitucional

"O máis rico será o que menos achegue", asegura o PP, que acusa ao Goberno de Pedro Sánchez de facer "contorsionismo político" para non chamar "concerto" ao pactado con ERC

Os independentistas cataláns advirten ao Goberno: sen concerto, retirarán o seu apoio

G24.gal 04/09/2024 08:16

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, comparece este mércores ante o Pleno do Senado para explicar o acordo fiscal para Cataluña alcanzado entre socialistas e ERC, que o PP rexeita por consideralo unha "cota separatista".

Nunha intervención de menos de media hora, a maioría dedicada a criticar ao PP, dixo que o pacto determina un modelo baseado en "a autonomía financeira, a coordinación, a solidariedade e a transparencia" e na suficiencia de recursos, a equidade e a lealdade institucional.

Montero falou dunha "estratexia lamentable" por parte dos que queren manipular a opinión pública convertendo "o debate político nun campo impracticable", con insultos. María Xesús Montero acusa o PP de "populismo fiscal" e "deslealdade institucional".

Asegura, en resposta ás acusacións de que é un "acordo insolidario", que se trata dun acordo constitucional que profunda no federalismo, coa creación da Axencia Tributaria de Cataluña.

Acusou ademais o PP de utilizar esta polémica do financiamento singular para tentar conseguir máis votos, cando os estatutos de autonomía doutras comunidades contemplan tamén mecanismos fiscais especiais.

En resposta as palabras da vicepresidenta primeira, o senador do PP Gerardo Camps dixo que "non é máis que un financiamento independentista á carta", e acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de facer "contorsionismo político" para non chamar "concerto" ao pactado con ERC.

Na súa opinión, o pacto fiscal do PSOE con ERC para Cataluña atenta contra a igualdade entre territorios. "O máis rico será o que menos achegue", dixo.

Na segunda intervención dos populares, o senador por Lugo José Manuel Barreiro asegurou que este "cupo independentista" supón un ataque á Constitución española.

Durante a súa comparecencia nesta sesión extraordinaria, a senadora do BNG Carmen da Silva reclamou "un diálogo bilateral" para lograr "autonomía financeira" para Galicia. Un tratamento, dixo, igual que para Cataluña e Euskadi.

Os independentistas cataláns advirten ao Goberno: sen concerto, retirarán o seu apoio

Junts per Catalunya e ERC, os dous partidos cataláns independentistas que apoiaron a investidura do presidente Pedro Sánchez e que forman parte do bloque no que se apoia o Executivo, advertiron que sen un concerto para Cataluña retiraranlle o seu soporte parlamentario.

A voceira de Esquerra Republicana reclamou o cumprimento íntegro dun acordo que, segundo dixo, "nos dá a chave da caixa"; do contrario, dixo, "terá consecuencias". A senadora Sara Bailac di que non pararán ata conseguir poñer fin ao que consideran "un espolio fiscal".

“Señora ministra, concerto si, ou non?”, preguntoulle no pleno o senador por Junts Eduardo Pujol, que lanzou tamén unha seria advertencia ao Executivo de Pedro Sánchez sinalando os sete representantes de Junts que apoian o seu Goberno.

Un acordo que serviu para a investidura de Illa

O acordo entre o PSC e ERC foi alcanzado a finais de xullo e serviu para que Salvador Illa se convertese en presidente da Generalitat o pasado 10 de agosto.

Segundo o pacto, o novo sistema de financiamento singular para Cataluña, que teñen que concretar o Goberno e a Generalitat nunha comisión bilateral durante o primeiro semestre de 2025, incluirá que esta comunidade xestione, recade, liquide e inspeccione todos os impostos.

Para iso, tentaranse facer as modificacións que correspondan na Lei Orgánica de Financiamento Autonómico (LOFCA), que requiren maioría cualificada, segundo se recolle no propio acordo entre PSC e ERC, no que non se fai referencia a unha reforma do réxime común de financiamento autonómico.

Aínda que no texto non se usa o termo "concerto económico", ERC apuntou que se asemella ao financiamento con que historicamente contan o País Vasco e Navarra, algo que Montero, con todo, negou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade