Publicador de contidos
Publicador de contidos

Monterroso acollerá un grupo de 120 refuxiados

Monterroso acollerá un grupo de 120 refuxiados

Todos os integrantes deste grupo son adultos que fuxiron da guerra en Malí

G24.gal 20/08/2024 14:23 Última actualización 20/08/2024 14:48

Un hotel de Monterroso aloxará dende a vindeira semana a 120 refuxiados procedentes de Malí. Dende o Concello din que souberon da súa chegada a través dunha ONG, critican a falta de información oficial e cren que se trata dun elevado número de persoas tendo en conta as características da vila.

"Había que facer antes un estudo previo de integración destas persoas porque a finalidade última desta política debería ser que os migrantes se poidan integrar na poboación que os aloxa", sinala Eloy Pérez, alcalde de Monterroso.

A cantidade é para algúns o principal inconveniente, mentres que outros eloxian a chegada de xente nova.

"Penso que mandaría algúns, pero tantos para unha vila coma esta penso que é moita xente". "Necesitamos xente nova que vaia facendo o labor noso, hai que enganchar xente nova". 

Entre os veciños hai diversidade de opinións arredor da chegada dos refuxiados.

"Penso que cando vén xente de fóra polo menos que veña coa idea de traballar". "Aquí somos un pobo acolledor e agora que xa van marchando os turistas pois veñen outros, ten que haber de todo, multiculturalidade". "Non é decisión miña, gústeme ou non vai ter que ser así".

Outros lembran que Galicia é pobo de emigrantes.

"Eu por min si, eu como fillo de portugués e de galega non podo estar en contra da emigración".

Mentres, no Concello pontevedrés de Mondariz-Balneario agardan a chegada inminente de 180 refuxiados, tamén adultos e procedentes de Malí.

O Goberno precisou este martes que a atención aos migrantes que chegan ás cousas españolas incluídos no programa de atención humanitaria do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións non ten custo para a Xunta nin os concellos que os reciben.

Uns mil chegarán, segundo a Delegación do Goberno en Galicia, á comunidade autónoma e é o Executivo central o que ten as competencias e, en consecuencia, asume integramente o custo de aloxamento, manutención e atención social das persoas migrantes, "polo que non supón ningún gasto para a Xunta nin para os concellos".

O Ministerio só traslada persoas identificadas pola Policía Nacional como adultos e, no caso da emerxencia actual, a maioría son homes, que teñen a condición de refuxiados xa que foxen dun conflito bélico, a guerra de Malí, e a maioría iniciaron xa a solicitude de asilo.

A Delegación do Goberno sinala que no caso de Galicia "existe unha comunicación permanente e fluída coa Xunta para informar das previsións coas que traballa o Goberno en cada momento" e advirte de que cando se achega a data de chegada, e coa confirmación, o Goberno, a través da delegación, subdelegacións ou entidades de apoio, comunica aos concellos o traslado dos migrantes.

Engade, ademais, que como ocorreu nesta e en anteriores emerxencias humanitarias, "a planificación pode variar porque se traballan con previsións que se adaptan ás circunstancias de cada momento".

Este luns, a Xunta reclamou "claridade" para poder organizar a acollida de migrantes en Galicia, xa que implica aspectos que son competencia exclusiva da comunidade, como a sanidade ou a educación.

Ademais, a Administración autonómica reprochou á estatal que a cifra que manexaba ao comezo da crise migratoria, que máis de 700 persoas ían ser trasladadas a Galicia, era máis próxima á realidade que a facilitada polo Goberno, 470.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade