Morre a directora e guionista de cinema e televisión de orixe galega Patricia Ferreira
Morre a directora e guionista de cinema e televisión de orixe galega Patricia Ferreira
A cineasta, de orixe galega, rodou en Galicia dúas das súas películas
A guionista e directora de cinema e televisión Patricia Ferreira, de orixe galega, faleceu a madrugada deste mércores aos 65 anos en Madrid, segundo informaron a EFE fontes de CIMA, a Asociación de Mulleres Cineastas e Medios audiovisuais, da que era cofundadora.
Guionista e directora de cinema e televisión, Ferreira (Madrid, 1958) foi a directora de películas como 'Sei quen es' ou 'O alquimista impaciente' (adaptación do libro de Lorenzo Silva). Licenciada en Ciencias da Imaxe e Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e tras comezar a súa vida profesional no xornalismo cinematográfico, desenvolveu unha ampla carreira en televisión como realizadora de series e programas de ficción (como a TV movie 'El paraíso'), culturais (como 'La isla del tesoro' ou 'Un día en la vida de nuestros antepasados') e documentais ('Todo el mundo es música', 'Al otro lado del silencio', 'Paraísos próximos', 'Un país en la mochila' ou 'Equinoccio').
Parte da súa filmografía está moi relacionada con Galicia
No ano 2000 dirixiu a súa primeira longametraxe de ficción, ‘Sei quen es’, rodada en Galicia. A película, producida por Continental e coa participación da Televisión de Galicia, estreouse no Festival de Berlín e foi candidata ao premio Goya á mellor dirección novel. Despois sucedéronse ‘O alquimista impaciente’ (2002, tamén coproducida por esta casa, premio do Círculo de Escritores Cinematográficos á mellor adaptación); 'Para que non me esquezas' (2005, rodada en Galicia, en que volveu traballar con Continental e a Televisión de Galicia, seleccionada en Berlín e nomeada a tres premios Goya); 'Los niños salvajes' (2012, gañadora da Biznaga de Ouro e mellor guión no Festival de Málaga), e 'Thi Mai, rumbo a Vietnam' (2017), a súa primeira comedia.
Tamén foi autora das curtametraxes 'El primer día', 'El amanecer de Misrak' e 'El secreto mejor guardado', ademais de profesora de Dirección na Escola de Cinema da Comunidade de Madrid (ECAM) e vogal da directiva da Academia de Cinema de España. O seu derradeiro traballo audiovisual foi a serie 'Las abogadas', para Televisión Española, que comezou a gravarse o pasado mes de outubro. A cineasta será trasladada ao tanatorio de San Isidro de Madrid, onde se celebrará a última hora da tarde unha cerimonia, segundo indicaron fontes de CIMA.