Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre afogado un pescador de 73 anos en Raxó, no concello de Poio

Morre afogado un pescador de 73 anos en Raxó, no concello de Poio

O falecido ía nunha embarcación con outra persoa que se salvou

Rescatárono en estado inconsciente, e nada se puido facer por reanimalo

A embarcación sinistrada permanecía amarrada este mércores ao embarcadoiro do náutico en Raxó
G24.gal 13/02/2024 20:49 Última actualización 14/02/2024 14:55

Foron varias chamadas as que recibiu o 112 tras o accidente, este martes arredor das sete da tarde. Distintas testemuñas alertaban de que había persoas na auga pedindo auxilio.  

Parece que saíran pescar nun chinchorro diante da costa, á altura de punta Pampaído. Por causas que aínda se descoñecen a embarcación envorcou, e os dous homes caeron ao mar. 

"O mar estaba calmo", afirma un veciño no porto. "Penso se pasaría un barco grande por xunto deles e faría ondada", engade. Di que era un "botiño pequeno", sen estabilidade, así que puideron desequilibrarse facilmente.

Mobilizáronse medios mariños, aéreos e terrestres para socorrelos, pero o primeiro que chegou onda eles foi un mariñeiro de Raxó. Saíu ao rescate na lancha e conseguiu subilos abordo, un deles en estado inconsciente. Tentaron reanimalo sen éxito ao chegar a terra.

"Viñeron cos dous e inmediatamente os gardas civís fixéronlle a manobra RCP de maneira constante, ata que chegaron os sanitarios" di un mariñeiro que presenciou o rescate. "Non puideron recuperalo", lamenta.

A vítima é un home de 73 anos, polo que din, moi coñecido e querido en Raxó. Tanto el como o outro tripulante, que resultou ileso, eran xubilados do mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade