Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre no cárcere da Lama o narcotraficante galego Jose Carlos Pombar

Morre no cárcere da Lama o narcotraficante galego Jose Carlos Pombar

Tiña 69 anos, e todo apunta a que a súa morte se debeu a causas naturais

G24.gal 14/07/2023 19:11

José Carlos Pombar Cameán, un dos históricos narcotraficantes galegos, faleceu na prisión da Lama, onde cumpría condena desde xuño de 2021 como responsable dun alixo de case 4.000 quilos de cocaína.

Tiña 69 anos e todo apunta a que a súa morte se debeu a causas naturais.

Pombar Cameán, natural da Pobra do Caramiñal, figurou durante anos nas listas de delincuentes buscados pola Interpol pola súa actividade vinculada co narcotráfico.

Estivo fuxido da xustiza durante catorce anos e foi localizado polas autoridades cando tentaba entrar no aeroporto de Panamá no ano 2018 con documentación falsa.

En prisión provisional tras a súa extradición a España, foi condenado en 2019 a dez anos de prisión pola Audiencia Nacional por organizar o envío de 3.947 quilos de cocaína interceptados no 2004 en alta mar a bordo do pesqueiro White Sands.

Foi a súa primeira condena, pero as autoridades levaban décadas investigando as súas actividades e chegou a ser xulgado por outro operativo contra a droga, a coñecida como Operación Amorne —dez toneladas de cocaína nun buque que chegou ás Palmas—, aínda que foi absolto.

Ademais, relacionárono cun suposto axuste de contas no que foi testemuña do asasinato dun presunto socio e, pouco despois, fuxiu a África, vía Marrocos, desde onde dirixiu todas as súas operacións durante os catorce anos que estivo fuxido.

Desde alí, principalmente en Nixeria, segundo a Policía Nacional, controlaba varias embarcacións pesqueiras e mercantes coas que recollía a droga procedente de América do Sur para entregala ao grupo galego que se encargaba de introducila en España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade