Morre un condutor de 34 anos ao chocar frontalmente con outro vehículo en Frades
Morre un condutor de 34 anos ao chocar frontalmente con outro vehículo en Frades
O coche do falecido invadiu o carril contrario e colidiu contra outro turismo
A condutora do outro vehículo continuá hospitalizada con pronóstico reservado
Un condutor de 34 anos faleceu este pasado martes pola noite tras sufrir unha colisión frontal con outro coche no municipio coruñés de Frades.
Os feitos ocorreron sobre as 21:45 horas no quilómetro once da estrada que une Ordes con Frades. As primeiras hipóteses apuntan que o Ford Fiesta que conducía o falecido invadiu o carril contrario e colidiu frontalmente contra o vehículo que circulaba no outro sentido.
Miguel Soldán Lema, Capitán xefe do subsector de Tráfico da Coruña, dixo que abriron unha investigación para aclarar as causas do accidente pero apunta a unha distracción ao volante.
Foi a Garda Civil de Tráfico a que alertou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, que, á súa vez, fora avisada por un particular. Esta persoa explicaba que dous coches impactaran frontalmente na AC-524, ao seu paso pola parroquia de Abellá. O mesmo informante chamou máis tarde ao 112 e indicou que a situación era grave e que un dos implicados podería estar falecido.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos de Bombeiros de Ordes, que interviñeron para excarcerar os dous condutores, un deles xa sen vida. Así mesmo, acudiu persoal de urxencias sanitarias de Galicia 061, a Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da estrada.
En concreto, fontes do 061 consultadas por Europa Press indicaron que ao momento se enviaron dúas ambulancias de soporte vital básico e un equipo sanitario de atención primaria. Os profesionais só puideron confirmar a morte do home de 34 anos.
A condutora do outro turismo, de 45 anos de idadefoi trasladada ao Hospital Clínico de Santiago, onde permance ingresada na Unidade de Críticos. O seu prognóstico é reservado.