Falece o condutor dunha ambulancia ao bater contra o peche dunha casa en Curtis
Falece o condutor dunha ambulancia ao bater contra o peche dunha casa en Curtis
O vehículo foise da vía por causas aínda sen determinar
A vítima, un veciño de Teixeiro de 57 anos, morreu no acto
Pouco despois da medianoite, unha ambulancia sufría unha saída de vía na estrada AC-230 que xunta a vila coruñesa de Curtis co lugar de Montesalgueiro. Foi á altura parroquia de Fisteus.
Por causas que a Garda Civil de Tráfico está a investigar, o condutor foise por fóra nunha curva pronunciada e tras levar por diante a barreira de seguridade acabou estrelado contra o peche dunha vivenda.
O propietario do inmoble avisou os servizos de emerxencias, que xa non puideron facer máis que certificar o falecemento do condutor, un home de 57 anos, veciño da localidade lindeira de Teixeiro.
O Grupo de Emerxencias Municipais de Curtis tivo que proceder a liberar o falecido, xa que o vehículo quedou envorcado lateralmente.
A veciñanza denuncia a perigosidade do lugar que xa ten rexistrado accidentes mortais en ocasións anteriores e piden medidas para garantir a seguridade do tramo.