Loito en Marín polo traballador e concelleiro falecido no incendio de Ponte Sampaio
Loito en Marín polo traballador e concelleiro falecido no incendio de Ponte Sampaio
O traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE en Marín Benito González Dopazo faleceu na madrugada deste mércores debido á gravidade das lesións
O Concello de Marín declara dous días de loito
O traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE en Marín que o domingo sufriu queimaduras de gravidade no incendio da nave en Ponte Sampaio, Benito González Dopazo, faleceu na madrugada deste mércores debido á gravidade das lesións, tal e como confirman a Europa Press fontes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
O operario, de 59 anos, o máis grave dos tres feridos neste voraz incendio ocorrido nunhas instalacións onde se almacenaban sementes e que non tiñan licenza municipal, segundo o Concello de Pontevedra, fora derivado á Unidade de Queimados do CHUAC con queimaduras de terceiro grao no 85 por cento do corpo.
O lume obrigou a activar o domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), e este martes os bombeiros aínda acudían ata o lugar para arrefriar a zona dado que aínda afloraban pequenos focos pola calor acumulada debaixo dos materiais.
Ademais, a contaminación por amianto na antiga fábrica de Pontesa impediu que os bombeiros, a Policía Xudicial e a Científica puidesen traballar no interior.
O Concello de Marín decidiu suspender o Pleno ordinario previsto para este xoves e convocou un Pleno extraordinario na tarde do mércores para decretar dous días de loito oficial.
Gardouse na súa lembranza un solemne minuto de silencio.
Baixáronse as bandeiras a media hasta e suspéndense todos os actos oficiais e institucionais previstos para estes días.
Haberá un libro de condolencias na entrada do Concello dispoñible desde hoxe pola tarde e durante estas dúas xornadas para todos aqueles que lle queiran dar un último adeus a Benito.
Dirixentes dos tres partidos políticos con representación no Parlamento aproveitaron o pleno desta mañá para trasladar as condolencias polo falecemento de Benito González.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fala dunha tristísima nova. Di que se foi un gran compañeiro e unha gran persoa.
Unha tristísima nova. As miñas condolencias e todo o meu agarimo á súa muller Pilar, á súa familia e amigos e aos socialistas de Marín. Foise un gran compañeiro e unha gran persoa. DEP. https://t.co/3lHkTEKdDL
— Valentín Formoso (@ValentinFormoso) November 9, 2022
Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou este falecemento. Di que tivo ocasión de coñecer a Benito González e que custa asumir a súa perda. E traslada o seu apoio aos familiares e achegados do falecido, así como aos seus compañeiros do PSdeG.
Tiven a ocasión de coñecer a Benito González. Hoxe custa asumir a súa perda tras o incendio da nave de Ponte Sampaio. Todo o meu agarimo á súa familia e seres queridos, e tamén unha aperta ao @PSdeG e os seus compañeiros no Concello de Marin. DEP https://t.co/VcmWuh08yM
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) November 9, 2022