Morre un camioneiro atropelado na autovía das Rías Baixas á altura de Toén
Morre un camioneiro atropelado na autovía das Rías Baixas á altura de Toén
O transportista baixara do seu camión tras rebentarlle unha roda e foi alcanzado por un turismo
Un camioneiro, de 40 anos, morreu atropelado por outro coche a pasada noite na A-52, ao seu paso polo concello de Toén. O home baixara do seu vehículo tras rebentarlle unha roda.
Segundo informan o 112 Galicia e a Garda Civil, ocorreu pasadas as 23:00 horas no quilómetro 240 da autovía das Rías Baixas, á altura da parroquia de Feán.
Varios particulares alertaron do sinistro e reclamaron asistencia sanitaria urxente para os dous implicados no accidente. O camión, de matrícula portuguesa, transportaba troncos de madeira.
Cando chegaron os servizos de urxencia, o camioneiro xa estaba morto. Pola súa banda, o condutor do turismo foi trasladado consciente, pero con feridas graves, nunha UVI móbil ao hospital de Ourense.
Nun primeiro momento, a A-52 quedou totalmente cortada e na mañá deste sábado só o carril esquerdo está habilitado para a circulación.