Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un condutor en Curtis tras bater contra un camión

Morre un condutor en Curtis tras bater contra un camión

Os vehículos chocaron frontalmente á altura do polígono de Teixeiro, preto da prisión onde traballaba o falecido

G24.gal 30/08/2022 09:32 Última actualización 30/08/2022 14:23

Un condutor morreu este martes en Curtis tras chocar contra un camión, informa o 112. O suceso produciuse ás 8:30 horas no polígono de Teixeiro, á altura do quilómetro 633 da estrada N-634.

O camión circulaba en sentido a Santiago cun cargamento de carbonato cálcico e o coche no sentido contrario. O turismo bateu contra a parte frontal do vehículo pesado e acabou atrapado no lateral do camión. Como consecuencia do impacto o condutor e único ocupante do turismo faleceu.

Manuel Julio Meléndez Navarro, tenente da Garda Civil de Tráfico, di que "lamentablemente, non se puido facer nada pola vida do condutor do turismo, un varón de 50 anos residente en Santiago de Compostela".

O falecido traballaba no cárcere de Teixeiro, preto do lugar do accidente. O condutor do camión, que saíu ileso, contou que viu como o turismo ía contra el de fronte, como sen rumbo e que non tivo tempo de esquivalo.

O xefe do destacamento de Tráfico de Santiago engadiu que se descoñece a causa pola que o coche invadiu o carril contrario: "Está claro que se os dous impactan no mesmo punto da vía, un deles están a ocupar parte do sentido correspondente ao outro.  É dicir, ocupación do sentido contrario. As causas é o que aínda se está investigando".

Ao lugar do sinistro desprazáronse diversos de efectivos de urxencias, entre eles varias patrullas da Garda Civil de Tráfico. Debido a que os vehículos implicados ocupaban un dos carrís da nacional, concretamente o de sentido a Santiago, o tránsito desenvolveuse durante varias horas alternando a circulación dun e outro sentido. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade