Detidas dúas persoas polo atropelo mortal a un home de 59 anos en Santiago
Detidas dúas persoas polo atropelo mortal a un home de 59 anos en Santiago
O coche implicado fuxiu nun primeiro momento e alertou do sucedido máis tarde
As pegadas e testemuñas que quedaron do atropelo mortal acontecido na mañá deste martes na rúa compostelá de Poza Real de Arriba, indican que a vítima estaba sobre a beirarrúa e o coche, un turismo Mercedes, percorreu case todo o tramo da mesma ata que virou diante dun camión alí aparcado para continuar entrando en dirección prohibida ao fondo da rúa.
Amais da pisada das rodas da dereita sobre a beira de herba, deixou restos de pintura ao rozar co paragolpes do camión. En todo o tramo próximo ao accidente non se percibía pegada de freada.
Nesta rúa do barrio de Conxo, onde vivía a vítima, o suceso ocasionou moita conmoción.
Cédric Denolf, voceiro da asociación veciñal conta que "cando o vin esta mañá, o corpo estaba enriba da beirarrúa. Por iso me chocan un pouco as circunstancias, e teremos que agardar as pescudas da Policía Nacional para saber directamente que pasou".
Jorge, de 59 anos, é a vítima morta do atropelo acontecido minutos antes das seis desta mañá. Quen conducía seguiu camiño como se nada e foi minutos despois cando se produciu unha chamada informando dun posible atropelo nesta rúa de Santiago.
Á media mañá a Policía Nacional informaba da detención de dúas persoas pola súa presunta implicación no atropelo mortal. Non proporcionaban máis datos sobre un suceso que, engadiron, está en investigación e non descartan ningunha hipótese.
Coa cautela que o caso suscita, o voceiro dos veciños sinala que hai tres meses xa presentaron no Concello queixa formal pola velocidade do tráfico de coches nesta rúa de Conxo.
"Denunciei co apoio de máis de setenta sinaturas de veciños a falta de seguridade vial que temos no barrio, deficiencias de alumado, saneamento... É un informe de vinte e tres páxinas que entreguei no Concello. Saben perfectamente o que hai e, de momento, non actuaron. Non tivemos resposta nin nada", afirma Denolf.
O falecido estaba a pasear o can, que este mediodía permanecía ilocalizado, aproveitando un tempo antes de recoller a súa muller na fin da xornada laboral no hospital de Conxo.