Publicador de contidos
Publicador de contidos

Moi grave un home de 30 anos que caeu desde oito metros nun rocódromo en Santiago

Moi grave un home de 30 anos que caeu desde oito metros nun rocódromo en Santiago

No momento do accidente, a vítima estaba practicando escalada nun centro de ocio

Unha das hipóteses que se barallan é que se producise un fallo no sistema de suxeición logo de romper un dos cables de seguridade de aceiro

 

G24.gal 18/06/2024 09:33 Última actualización 18/06/2024 12:27

 

Un varón de 30 anos quedou ferido moi grave ao sufrir unha caída de oito metros mentres facía escalada nun rocódromo en Santiago o luns pola tarde.

Ata este establecemento situado no polígono de Costa Vella, na rúa República Checa, desprazouse o helicóptero con base medicalizada en Compostela.

Un particular avisou do suceso, sobre as 20:15 horas do luns, ao 112 Galicia. Expuña que o mozo se precipitou cando estaba a practicar escalada nun centro de lecer.

Foron informados 061, Policía Nacional, Policía Local e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago, entre outros.

Os membros da Policía Local desprazados ata onde se produciu o accidente detallaron que a persoa sufrira unha caída desde uns oito metros de altura.

Ata o lugar do sinistro desprazáronse membros da Policía Científica e Xudicial, que abriron dilixencias e precintaron o local.

A principal hipótese é que o accidente se debeu a un problema no sistema de suxeición

A Policía Científica acudía esta mañá para investigar as causas do accidente, pero a principal hipótese apunta a un problema no sistema de suxeición. Concretamente unha fonte moi próxima sinalaba a rotura do cable de aceiro de seguridade.

O local permanece pechado ao público á espera de que se aclare o sinistro. Algúns usuarios souberon do sucedido esta mesma mañá, ao ver a persiana baixada. Moitos amosaron a súa sorpresa e destacaron a profesionalidade do centro ao que levan anos acudindo.

"Estou moi sorprendida de que pasara isto, aqui fan todo moi ben, por iso vimos a este centro desde hai anos. É unha fatalidade, unha pena, que triste", di unha usuaria.

Non se explican como puido suceder a caída, posto que se trata, din, dunha actividade moi controlada na que se empregan materiais certificados. Porén, non é a primeira vez que sucede algo similar en Galicia. No 2022 unha muller resultou ferida moi grave ao caer desde 10 metros de altura no rocódromo de Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade